As empresas concesionarias Eulen e Vendex, protagonistas do 21-O

A compañía dirixida pola irmá de Núñez Feijóo conseguiu máis dun millón de euros da Xunta de Galiza.

As empresas concesionarias de servizos Eulen e Vendex capitalizaron moitos dos debates políticos dos comicios do 21-O. Se a campaña electoral comezou marcada polo caso Pokémon, que sinala a firma Vendex no centro dunha trama de corrupción, a recta final ten como protagonista a compañía Eulen, que levou o BNG e o PSOE a exixir explicacións a Núñez Feijóo polas adxudicacións da Xunta á empresa dirixida pola súa irmá, Micaela, en Galiza.

Sermos Galiza comezou a informar en abril sobre os contratos que conseguiu Eulen tanto da Deputación da Coruña como dos concellos de Ferrol e da Coruña, todos gobernados polo Partido Popular. A Deputación da Coruña cedeulle a xestión do Teatro Colón da Coruña á sociedade. Unhas semanas antes o concello de Ferrol concedíalle a xestión dos equipamentos culturais da cidade, como o Teatro Jofre, o Centro Cultural Torrente Ballester e o futuro auditorio municipal, cun contrato por medio millón de euros anuais. Pola súa banda, o consistorio coruñés concedeulle a xestión da Rede de bibliotecas por máis de dous millóns de euros.

Contratos sen publicidade a Eulen

Mais a compañía dirixida por Micaela Núñez Feijóo tamén gañou contratos da Xunta, da cal o seu seu irmán é presidente. Un dos máis polémicos foi o servizo de atención telefónica e xestión de documentación das persoas afectadas pola estafa das preferentes, que saíu en dous concursos separados, un para a súa aplicación na Coruña e outra, para Pontevedra. Desta maneira, o contrato non tivo que saír a concurso público ao non exceder os 60.000 euros. Eulen conseguiu 85.000 euros con ambas as dúas adxudicacións. Dos contratos en vigor da Xunta con Eulen, catro foron negociados sen publicidade. Ademais dos dous de atención ás persoas afectadas polas preferentes, os de mantemento de xardíns na Residencia de maiores do Meixoeiro, en Vigo, e da Residencia de Maiores asistida de Vigo, por 44.500 euros, e o servizo de seguridade e vixilancia no centro de Formación Ocupacional de Coia, por 24.600 euros.

A compañía dirixida por Micaela Núñez Feijóo tamén gañou contratos da Xunta, da cal o seu seu irmán é presidente

Entre os concursos abertos que gañou a compañía este ano están o de xestión do almacén a consellaría de Cultura e Ordenación Universitaria de Tambre, por uns 60.000 euros, e o de mantemento do Complexo medioambiental de Cerceda, por uns 400.464 euros en 4 anos. Así como os contratos de seguridade do recinto feiral da Semana Verde de Silleda, a limpeza do recinto e a limpeza das oficinas, por un total de 247.564 euros, e o servizo de limpeza dos edificios xudiciais de Lugo, por 272.162 euros, segundo os datos publicados na Plataforma de contratación pública de Galiza. Se sumamos todos os contratos conseguidos este ano por Eulen da Xunta, superan o millón de euros. Ademais da limpeza, a seguridade e a cultura, Eulen fixo unha incursión no eido social.

En decembro de 2009, Carlos Ameyrich denunciaba publicamente que os centros de día foran concedidos á empresa dirixida pola irmá de Núñez Feijóo. En xaneiro de 2011, a consellaría de Benestar tamén adxudicou a xestión da Rede de espazos xoves de dinamización xuvenil e emancipación á mesma empresa. A relación de Eulen co goberno galego xa vén de lonxe. A empresa estivo presente non só durante toda a pasada lexislatura, senón tamén na etapa Fraga, cando era conselleiro Núñez Feijóo. Segundo informacións da Cadena Ser, a Xunta de Manuel Fraga contratou en 2005 a empresa, en que xa tiña un alto cargo Micaela Núñez Feijóo, para un labor de asistencia técnica á política de Vivenda, xusto a área da cal era conselleiro o actual candidato do PP. O motivo do contrato foi a “divulgación das axudas en materia de vivenda” por valor de case 370.000 euros en dous anos.

A Xunta de Manuel Fraga contratou en 2005 a empresa, en que xa tiña un alto cargo Micaela Núñez Feijóo, para un labor de asistencia técnica á política de Vivenda, xusto a área da cal era conselleiro o actual candidato do PP

Grupo Vendex e “Pokémon”

Outra compañía protagonista dos comicios do 21-O é o Grupo Vendex, e as súas filiais Sermasa, PAU e Doal, coa incriminación do seu propietario no caso “Pokémon”. As concesións dos concellos de Ourense e Boqueixón, da supervisión da ORA e da axuda a domicilio, respectivamente, supuxeron a imputación dos seus alcaldes. O contrato do concello de Ourense, coa filial de Vendex, DOAL, encargada da supervisión da zona azul de estacionamento, vén do ano 2007, cando o concello estaba en mans do PP. O goberno socialista seguiu contando cos seus servizos e ampliounos á limpeza de dependencias municipais e colexios.

A firma Vendex leva servizos en case todas as cidades galegas. A xuíza está investigando a documentación sobre todas estas concesións. En Lugo encárgase dos servizos de información turístico do Centro de interpretación da muralla e a casa dos Mosaicos e os cursos deportivos na piscina das Pedreiras. En Santiago de Compostela, da xestión de varias garderías e de campos de fútbol. En Ferrol, conseguiu en 2008 a xestión do teatro Jofre e do Centro cultural Torrente Ballester, nun contrato de 240.000 euros, servizos que na actualidade leva Eulen.

A Coruña é unhas das cidades onde tivo máis contratos de mantemento nos últimos anos: o teatro Rosalía, a Casa das Ciencias, Aquarium Finisterrae, Domus, Centro municipal de información xuvenil, a Cidade deportiva de Riazor, o guindastre, a ORA e o polideportivo do Barrio das Flores, aínda que perdeu moitos coa entrada do goberno coruñés do PP.

Comentarios