"O BNG non lle entregará a Xunta ao PP nin apoiará un goberno cómplice dos recortes"

Francisco Jorquera, candidato á presidencia da Xunta polo BNG
Francisco Jorquera, candidato á presidencia da Xunta polo BNG, participou esta terza na Tribuna Galiza do Fórum Europa, onde presentou as principais liñas do programa electoral con que a formación frontista se presenta ás eleccións galegas.

 

A capela do Hostal dos Reis Católicos --que acolle cada ano a palestra de Nova Economía Forum-- enchíase a primeira hora da mañá para acoller o candidato nacionalista á presidencia da Xunta de Galiza após participaren Alberto Núñez Feijóo e Pachi Vázquez.

As principais figuras do Bloque Nacionalista Galego, entre as que se atopaban os alcaldes de Allariz e Pontevedra e o portavoz municipal de Vigo; @s candidat@s Tereixa Paz, Ana Pontón, Carlos Aymerich e Carme Adán; @s deputad@s parlamentares Carme da Silva, Alfredo Suárez Canal e Bieito Lobeira, ou representantes das mocidades nacionalistas, entre elas a secretaria xeral de Galiza Nova, Iria Aboi, collían acomodo para recibiren o candidato. Na mesa de relatores, situáronse Francisco Jorquera e Guillerme Vázquez, voceiro nacional do BNG e persoa encargada de facer a presentación do poñente.

Vázquez loubou a figura persoal e a traxectoria política do candidato á presidencia da Xunta do que dixo ser un "bo e xeneroso, capaz de renunciar aos seus intereses persoais" a prol dunha "Galiza libre".Na súa intervención, Guillerme Vázquez fixo énfase nas consecuencias das políticas desenvolvidas polo Partido Popular das cales asegurou "non é austeridade, é un roubo dos dereitos do pobo". O voceiro nacional asegurou que "é tempo de rebelión" e da política "en favor das clases populares".

"É tempo de rebelión e da política en favor das clases populares" Guillerme Vázquez

Na súa quenda, Francisco Jorquera debullou os alicerces en que se asenta a proposta económica do BNG, baseada fundamentalmente no incremento do investimento público como saída á crise. O candidato nacionalista apostou por concentrar o aforro da administración "no gasto improdutivo" e pular por unha reforma fiscal integral como solución ao "desequilibrio das contas públicas". Así mesmo, Jorquera defendeu un outro modelo de financiamento para Galiza, que rache coa súa "dependencia" das asignacións orzamentarias destinadas desde o goberno español, tradicionalmente inferiores á recadación impositiva galega.

Aliás, Francisco Jorquera apostou pola creación dunha entidade financeira galega que garanta o "acceso ao financiamento e reactive a economía produtiva". O candidato nacionalista, asegurou que un banco público de capital galego permitiría pular polos sectores produtivos e aproveitar o "gran potencial" de Galiza en materia económica. Finalmente, Jorquera defendeu a economía social a través do fortalecemento dos servizos públicos e das políticas sociais cara a unha saída "socialmente sostíbel da crise" e como "xacemento de emprego".

Soberanía fronte á (re)centralización do estado

O candidato á presidencia da Xunta de Galiza, asegurou na palestra organizada por Forum Europa, que as intencións do goberno español se encamiñan cara á centralización política do Estado español e a conversión das autonomías en "delegacións territorias" do goberno central. O candidato nacionalista dixo que o executivo de Mariano Rajoy está a aproveitar a crise para "impor unha maior concentración económica e desmantelar os servizos públicos".

Neste sentido, Jorquera defendeu "o autogoberno de Galiza" como saída á crise e presentou a batería de reformas que compoñen a alternativa política do BNG nestas eleccións. Pular pola participación directa de Galiza nas institucións comunitarias, a supresión das delegacións e subdelegacións do goberno español á fin de que a Xunta sexa a única administración que opere en territorio galego e a eliminación das Deputacións provinciais, cuxa desaparición suporía o aforro de 400 millóns de euros.

Jorquera defendeu "o autogoberno de Galiza" como saída á crise

Aliás, na quenda de preguntas, Francisco Jorquera defendeu unha rexeneración democrática fronte á desafección coa política, en que inclúen @s nacionalistas a reforma da lei electoral a través da supresión da barreira do 5% e o estabelecemento de Galiza como circunscrición electoral única. Así mesmo, defendeu a promulgación dunha norma que exixa a convocatoria de consultas populares na toma de decisións fulcrais e o pulo polas Iniciativas Lexislativas Populares como garantes da participación directa da cidadanía.

Economía social e mercado interno como saídas á crise

No coloquio desenvolvido após as intervencións dos relatores, Francisco Jorquera respondeu ás cuestións achegadas polas persoas participantes. Neste sentido, o candidato nacionalista puxo en valor a calidade dos produtos galegos e a necesidade de pularmos pola súa comercialización tanto no mercado interior como no exterior como saída á crise, "temos que apoiarnos entre nós" desenvolvendo unha "cultura do produto local" que empurre a economía galega e un dos seus sectores punteiros, o agroalimentario.

Jorquera: "Temos que apoiarnos entre nós desenvolvendo unha cultura do produto local que empurre a economía galega"

Aliás, Jorquera foi preguntado polas medidas do BNG cara á xeración de emprego a curto prazo, ao que respondeu cun rotundo "non hai unha variña máxica e as promesas serían demagoxía", criticando as declaracións de Alberto Núñez Feijóo que aseguraba --ao igual que en 2009-- rematar co paro se era (re)elixido como presidente. Francisco Jorquera, reiterou os alicerces en que se asenta a política económica, con base social, defendida polo BNG como garante da recuperación económica.

Finalmente, o candidato nacionalista foi --en diversas ocasións-- interpelado a respecto dunha posíbel reedición do bipartito ou mesmo dun acordo con outras forzas como Esquerda Unida. Jorquera, asegurou non renunciar "a que o BNG goberne en solitario" pois dixo defender a formación frontista como "alternativa ao PP". Porén, se ningún partido político tivese apoio suficiente para gobernar en solitario Jorquera apostou porque "cada forza amose as súas propostas e o pobo as examine", mais, asegurou o candidato "o BNG non lle entregará o goberno ao PP nin apoiará un goberno que sexa cómplice dos recortes".