A xustiza sentenza o principio da fin da fraude da etiquetaxe nas conservas de mexillón

Ningúnha conserva de mexillón pode facer referencia á orixe galega do produto se non está amparada pola Denominación de Orixe Protexida. Así o ditamina unha resolución da Audiencia de Pontevedra que é firme e marca xurisprudencia. “A decisión ratifica o que levabamos anos demandando á Xunta”, afirmou Francisco Alcalde, presidente do Consello Regulador do Mexillón.

IMG_8470

Ningunha conserva de mexillón pode facer referencia á orixe galega do produto se non está amparada pola Denominación de orixe protexida (DOP) de Mexillón de Galiza. Así o establece unha sentenza da Audiencia de Pontevedra, que é firme e crea xurisprudencia, e que ditamina que a conserveira Javimar incorreu en competencia desleal por incluír nos seus envases alusións relativas á orixe do bivalvo. Mencións habituais como “de las rías gallegas”, “elaborado en Galicia” ou “envasado en Galicia”, co que moitas conserveiras etiquetan os seus produtos, non poderán empregarse se non se están na DOP. “Esta resolución marca un antos e un despois”, manifestou Francisco Alcalde, presidente do Consello Regulador do Mexillón. “Vén ratificar o que levamos anos pedindo á Xunta” sen obter resposta positiva, engadiu.

A sentenza deixa claro que o ámbito de proteción da DOP Mexillón de Galiza abrangue produto fresco, en conserva, conxelado...”A resolucións supón ademais un reproche en toda regra para a industria conserveira que utiliza ilicitamente o nome de Galiza nos seus envases”. Alcalde lembrou que ao longo destes anos tentou reunirse cos responsábeis da patronal conserveira (Anfaco) para intentar dar unha solución a esta situación, obtendo a negativa como resposta.

Que implica?

O sector do mexillón leva anos denunciando como conserveiras venden como mexillón galego un produto que non é tal, senón que procede doutras latitudes, como Chile, país onde hai tempo deitaron os seus ollos grandes conserveiros galegos para obter molusco máis barato que o de Galiza. E comercialízano como tal. Algo que esta sentenza vén de finiquitar.

Mais esta resolución tamén ten outra consecuencia. Mesmo aquelas conserveiras que traballan con produto galego, para poder se referir á orixe do mesmo teñen que estar na DOP, pois esta marca e o Consello Regulador son os que teñen o garante de orixe e calidade. Unha decisión coa que gañan o sector mexilloeiro (13.000 empregos directos e indirectos) e as persoas consumidoras, que teñen información veraz do que adquiren.

Consumidores

Miguel López, da Unión de Consumidores de Galiza, considera que esta resolución da Audiencia de Pontevedra incide no que eles levan denunciando hai tempo a respoito das “prácticas de competencia desleal” que “crean confusión nos consumidores”.

Comentarios