A Xustiza apoia a retirada de anuncios de pisos turísticos ilegais en Airbnb
O Tribunal Superior de Xustiza de Madrid denegou un recurso de Aribnb contra unha resolución do Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030 que obriga a multinacional a retirar miles de anuncios de pisos turísticos da súa plataforma. A medida afecta perto de 65.000 anuncios.
O Tribunal Superior de Xustiza de Madrid (TSJM) emitiu un auto esta semana co que avala, por segunda vez, as resolucións coas que o Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030 instou a finais de 2024 á compañía multinacional Airbnb a retirar miles de anuncios de pisos turísticos da súa plataforma por publicitarse sen indicar a licenza correspondente nin a súa natureza xurídica.
Concretamente, o TSJM pronunciouse sobre as medidas cautelares que o Ministerio que dirixe Pablo Bustinduy ditou, a través da Dirección Xeral de Consumo, para que Airbnb retirase da súa plataforma case 35.000 anuncios (34.728).
A multinacional recorreu esta medida cautelar e agora o Tribunal Superior de Xustiza de Madrid denegou ese recurso de Airbnb, como xa fixera en maio contra un primeiro recurso desta multinacional. Desta forma, o tribunal avala, por segunda vez, as actuacións de Consumo ante esta compañía.
En total, o Ministerio que lidera Bustinduy instou a Airbnb a retirar 65.000 anuncios a través de tres resolucións: a primeira de 5.800 anuncios que foi avalada polo TSJM no primeiro auto de maio, a segunda de 34.728 anuncios que acaba de ser avalada neste segundo auto, e unha terceira resolución cos anuncios restantes, que é a única que non foi recorrida por Airbnb.
Os motivos
De feito, tras recibir as resolucións de Consumo e despois do primeiro aval da xustiza, a multinacional retirou estes 65.000 anuncios en xullo. Desde a Dirección Xeral de Consumo argumentáronse tres razóns para xustificar a ilegalidade destes anuncios de pisos turísticos que se detectaron en Airbnb e que finalmente foron retirados pola compañía.
En primeiro lugar, os anuncios non inclúen o número de licenza ou rexistro. "Isto é algo obrigatorio en varias normativas autonómicas e supón a infracción máis común na publicidade que foi analizada", explicou Consumo. En segundo lugar, os anuncios incorporan números de licenza que non corresponden aos expedidos polas autoridades, unha práctica que para o Goberno "pode inducir a erro ou a engano ás persoas consumidoras". E en terceiro e último lugar, os anuncios non indican a natureza xurídica dos arrendadores. É dicir, non sinalan se os arrendadores son profesionais ou particulares, unha cuestión que resulta fundamental para saber se quen contrata está protexido como consumidor ou non.
Neste mesmo ámbito de actuación contra a publicidade ilegal de vivendas turísticas, Consumo abriu un expediente sancionador en decembro de 2024. Aliás, a Dirección Xeral mantén abertos expedientes sancionadores a grandes xestoras de pisos turísticos por posíbeis prácticas enganosas e expedientes sancionadores a axencias inmobiliarias por posíbeis prácticas abusivas contra inquilinos na xestión do aluguer.
Todas estas iniciativas enmárcanse no obxectivo fixado por Pablo Bustinduy de contribuír a atallar a crise da vivenda no Estado español, un dos principais problemas do país, segundo declarou publicamente en varias ocasións. "Hai miles de familias que viven ao límite por mor da vivenda, mentres uns poucos enriquécense con modelos de negocio que expulsan as persoas dos seus fogares", manifestou o ministro, á vez que sinalou que "ningunha empresa en España, por grande que sexa, pode estar por encima da lei".
Na Galiza
O Ministerio da Vivenda e Axenda Urbana (MIVAU) notificou a pasada semana 2.640 pisos turísticos ilegais na Galiza ás plataformas dixitais para que retiren os anuncios en liña destes aloxamentos.
As vivendas turísticas declaradas como ilegais son inmóbeis que solicitaron o número de rexistro obrigatorio desde o pasado 1 de xullo, pero que non o obtiveron porque non cumpren cos requisitos fixados pola normativa.
As cifras ofrecidas o 14 de setembro polo Executivo do Estado mostran que o municipio galego con máis vivendas para alugar en situación de ilegalidade é Vigo con 277, seguida de Sanxenxo (O Salnés) con 196, A Coruña con 140, Compostela con 128 e Pontevedra con 111.