O comité de empresa apresenta alegacións

“A Xunta non debería ter admitido a petición de Ferroatlántica”

Considera que o obxectivo que procura Villar Mir coa segregación e venda das centrais é obter recursos para paliar a débeda do grupo

ferroatlántica aymerich alegacións

O Comité de Ferroatlántica presenta unha serie de alegacións no trámite aberto na Xunta pola solicitude de  Ferroatlántica dunha autorización administrativa para o cambio de cotitularidade e a supresión da prohibición de segregación de actividades. As alegacións foron supervisadas polo profesor titular de Dereito administrativo e Secretario Xeral da Universidade da Coruña, Carlos Aymerich.

Aymerich  explicou que Ferrotlántica non solicita a anulación das cláusulas, senón a revogación parcial da concesión en vigor, "isto é, a supresión da cláusula de non segregación – negando o seu carácter esencial – e o mantemento do título en todo o demais". E solicita revogación, explicou, porque "ao existir sentenza xudicial firme do TSXG avalando a legalidade da cláusula non pode pedir, outra vez, a anulación da mesma". "A Xunta non ten obriga legal ningunha de acceder á solicitude. Se autoriza esta modificación será por unha decisión política. E, en todo caso, esta decisión política tería consecuencias xurídicas, entre elas, que o grupo Villar Mir non podería manter a concesión dos aproveitamentos e decidir sobre a venda das centrais como se fora o propietario dos ríos".

Por máis que Ferroatlántica llo tente ocultar á Xunta de Galiza, indica o profesor da UdC, a natureza cíclica e complementar de ambas as dúas actividades é a que xustifica o seu mantemento. Tanto é así, que o propio grupo empresarial recoñece na información aos seus accionistas e aos organismos bolsistas, que a venda das centrais impactaría negativamente na continuidade da actividade de fabricación de ferroaliaxes ao incrementar a súa exposición a futuros incrementos dos prezos enerxéticos.

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, criticou a ambigüidade que a Xunta vén amosando dende que Ferroatlántica fixo públicas as súas intencións de vender as centrais. "As pretensións de Villar Mir esixen dunha actuación contundente do presidente da Xunta. Feijoo non pode seguir escondéndose no bandeira da legalidade. Está demostrado que a legalidade xa a temos da nosa man, o que pedimos é xustiza”.

Comentarios