A Xunta négase a informar das axudas que lle concedeu a Citroën desde o 2009

Juan Cividanes, responsábel do Igape, evita concretar a cifra diante dunha pregunta de Noa Presas (BNG).
Citroen
photo_camera Factoría do Grupo PSA en Vigo.

A comparecencia do director do Igape (Instituto Galego de Promoción Económica), Juan Cividanes, esta quinta feira na Comisión de Economía do Parlamento galego non serviu para despexar  a contía das axudas da Xunta de Galicia ao Grupo PSA (anteriormente PSA Peugeot-Citroën) desde o ano 2009 cando o PP de Núñez Feixoo chegou ao goberno.

Despois de que a Comisión Europea anunciase este 2019 a apertura dunha investigación sobre a concesión de axudas á planta de Citroën en Vigo, a parlamentaria do nacionalista Noa Presas interpelou ao Igape sobre as cifras desta colaboración institucional co Grupo PSA. Cividanes limitouse a informar de que a Xunta achega 11 millóns ao acordo da Zona Franca con PSA para o acelerador de negocios, pero non respondeu á pregunta formulada polo Bloque.

Noa Presas queixouse da "falta de transparencia" da Xunta, por non ter facilitado previamente estes datos por escrito e pola falta de especificidade na resposta oral. E lamentou que o responsable do Igape dedicase "tanto tempo" na súa intervención a "dar datos xerais" sobre o sector da automoción sen responder ás preguntas rexistradas.

Comentarios