A Xunta e o Goberno español apostan en Ferrol pola implantación da eólica mariña
Tanto a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lourenzá, como o delegado do Goberno español na Galiza, Pedro Branco, fixeron esta sexta feira en Ferrol unha aposta decidida pola implantación da eólica mariña.
Durante a clausura da VII edición do congreso 'Galician Offshore Internacional Hub', que decorreu esta sexta feira e esta quinta feira, Lourenzá demandou un diálogo fluído e celeridade para implantar a eólica mariña.
"É esencial o debate sobre a eólica offshore e que as Administracións promovan ese debate, cun diálogo sosegado, con sentido común, achegando cada un desde a perspectiva que ten, desde o punto de vista tanto industrial como territorial", sostivo a titular de Economía e Industria.
A integrante do Goberno galego destacou "a cadea de valor industrial" da eólica mariña e afirmou que é necesario que poidan "falar as asociacións e as agrupacións industriais, os centros tecnolóxicos e de coñecemento, o sector marítimo, pesqueiro e as Administracións". "Se non o entendemos así, isto non vai saír ben, co cal é fundamental enfocar este tema desta maneira", manifestou a conselleira.
Pola súa parte, Branco asegurou que se porá en marcha "unha eólica mariña responsábel a través do diálogo entre todos os actores". "Resulta imprescindíbel se queremos chegar a un bo porto e traballamos para que Galiza sexa pioneira neste tipo de instalacións e aproveitar todas as oportunidades industriais e de emprego que ofrece", engadiu.
Así o fixo o delegado do Goberno español a pesar do rexeitamento do sector pesqueiro aos Plans de Ordenación do Espazo Marítimo (POEM) e da súa denuncia sobre a ausencia de negociación. Neste sentido, a Plataforma en defensa da pesca e os ecosistemas mariños acudiu en setembro ao Tribunal Constitucional para intentar paralizar os plans, xa aprobados.
A patronal da renovábel di que ningún imposto "é bo"
O director xeral da Asociación de Empresas de Enerxías Renovábeis (APPA), José María González Moya, afirmou esta sexta feira que ningún imposto "é bo" en referencia á posibilidade de que o Goberno do Estado español prolongue o gravame especial ás compañías do sector enerxético.
