A Xunta estabelece un convenio con catro empresas aeronáuticas

O vicepresidente primeiro da Xunta, Francisco Conde, onte (Foto: Conchi Paz / Xunta da Galiza).
Avincis é acusada de "incumprimentos" de contrato.

A Xunta da Galiza anunciou na xornada desta sexta feira a convocatoria dunha iniciativa de colaboración público-privada dotada de máis de 20 millóns de euros para que pequenas e medianas empresas (pemes) galegas "poidan ofrecer solucións tecnolóxicas ás necesidades que teñan grandes empresas do sector aeronáutico", como Airbus, Boeing, Telespazio ou Avincis.

O persoal desta última empresa, Avincis (que pasou a chamarse así despois do traspaso por parte da multinacional Babcock ao fondo de investimento británico Ancala Partners), está chamado á folga en varias xornadas alternas entre o 31 de marzo e o 21 de maio para reivindicar a esta firma, adxudicataria do servizo aéreo de salvamento marítimo da Xunta, unha mellora nos salarios e avances na negociación dun convenio que leva anos "estancado".

Servizos mínimos

Porén, esta medida reivindicativa non ten efecto na práctica, pois conta cuns servizos mínimos de 100%, algo que, segundo denuncia o coordinador do Sindicato Libre de Traballadores Aéreos (SLTA), Enrique Durán, "coártanos moitísimo".

Segundo denuncia o persoal do servizo, Avincis acumula "moitos incumprimentos" de cláusulas do contrato coa Xunta sen que esta "faga nada a pesar das denuncias e queixas recibidas". Unha situación, sempre segundo estas mesmas fontes, que condiciona o propio labor e responsabilidades que desenvolven en áreas tan sensíbeis como a do salvamento.

Precisamente, durante unha das vagas de incendios máis críticas que ten experimentado a Galiza, a do pasado verán de 2022, foi cando a multinacional Babcock, parte importante do operativo para a extinción, traspasou a concesión destes servizos a Ancala Partners.

O fondo británico aumentou, deste modo, a súa participación na economía galega, despois de que en novembro de 2020 adquirira até 49% das accións de Ence Energía SLU. Pola súa parte, Babcock abandonou a xestión das emerxencias aéreas na Galiza, tras copar durante anos as concesións.