A Xunta critica "o modus operandi" mais non se fecha ao novo modelo de financiamento: "É cedo para facer unha valoración"
O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, criticou que o Goberno español negocie un novo modelo de financiamento "cos recursos de todas as comunidades" mais "só cunha parte", e logo "trate de estendelo" ás demais, en referencia á reunión entre os líderes do PSOE e de ERC esta semana.
Así o sinalou esta sexta feira ante os medios de comunicación despois de que a ministra de Facenda, María Jesús Montero, anunciase minutos antes a súa proposta de reforma do sistema de financiamento autonómico e convocase de maneira urxente unha reunión do Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF) para a vindeira cuarta feira, día 14 de xaneiro.
Respecto diso, Corgos dixo que é "cedo" para facer unha "valoración informada" do sistema que propón o Executivo español, debido a que só se dispón da información presentada "nun PowerPoint" pola ministra. Con todo, el volveu a insistir en que, ao seu xuízo, primeiro o Goberno español tería que convocar o grupo de traballo para explicar a súa proposta "con papeis e números" para que despois as comunidades autónomas poidan pronunciarse.
"De novo o modus operandi é o mesmo que coa condonación da débeda. O Goberno pacta un sistema, neste caso cun grupo, con Esquerra Republicana, e téntao extrapolar ao resto de comunidades. Está a negociar cos recursos de todas as comunidades só cunha parte e logo trata de estendelo aos demais", insistiu, para logo criticar que "esa non é forma de facer as cousas". Ademais, confirmou que o Executivo galego asistirá ao CPFF para analizar todos os datos e formular as súas propostas de mellora.