A Xunta autoriza unha mina de cuarzo a ceo aberto que ameaza máis dun cento de granxas
A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade da Consellaría de Medio Ambiente publicou esta quinta feira no Diario Oficial da Galiza (DOG) a declaración de impacto ambiental (DIA) positiva para o proxecto de explotación 'Andrea' dunha mina de cuarzo nos concellos de Frades, Mesía, Oroso e Ordes, na comarca de Ordes. A Xunta autoriza así á empresa Erimsa –con sede na Coruña e que forma parte da compañía norueguesa Elkem AS– a “extracción de gravas de cuarzo para a obtención de cuarzo metalúrxico” nunha zona con afectación á cunca do río Tambre –e a súa foz na ría de Muros e Noia– e máis dun cento de explotacións gandeiras nunha zona que é a principal produtora de leite do país. A autorización ambiental asinada pola Xunta afecta unha superficie total de 999 hectáreas.
Nos concellos afectados polo proxecto hai un total de 117 granxas en produción, por iso o Sindicato Labrego Galego (SLG) foi un dos alegantes contra o mesmo. Segundo o SLG, a actividade mineira podería afectar a produción das 63 explotacións que cobran dereitos da Política Agraria Común (PAC) en Frades, outras 40 en Ordes, 13 en Mesía e unha en Oroso.
O proxecto, que se presentou por primeira vez en 2020, logra agora o primeiro permiso ambiental da Xunta, cunha vixencia de 6 anos. Medio Ambiente conclúe diante do proxecto ao que se presentaron 177 alegacións que “é ambientalmente viábel sempre que se cumpra, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e na restante documentación avaliada, o condicionado e o programa de vixilancia ambiental”. A Xunta confía a “vixilancia ambiental” a Erimsa , responsábel da balsa de áridos resultantes da limpeza de pedra que rompeu en abril de 2023 e que obrigou a activar unha alerta en 12 municipios polas verteduras na bacía do Tambre.
Minaría a ceo aberto
No proxecto aprobado estabelécese como método de explotación o dunha mina “a ceo aberto" con profundidades de 2 a 4 metros. O arranque do mineral será “mecánico”, e o extraído trasladarase en camións cara a unha planta de tratamento “que o promotor posúe no concello de Frades”. O material aproveitado para a venda “é 8% do material extraído, como cuarzo metalúrxico, mentres que o 92% restante serán estériles".
Na DIA emitida pola Xunta queda claro que “as parcelas arrendadas non serán incluídas na declaración da PAC na campaña á que se refira a duración dos labores, xa que non estarán en produción agrícola”. A DIA condicionada a Erimsa elimina a expropiación forzosa do proxecto, co cal a empresa terá que negociar os terreos directamente cos seus propietarios. Os concellos afectados polo proxecto alegaron tamén na tramitación, destacando o carácter de “solo rústico e agrario” en moitas das parcelas.
Na DIA positiva da Xunta destácase tamén a contaminación derivada da actividade mineira sobre os acuíferos da zona, nomeadamente o río Samo –pertencente á zona de especial conservación do río Tambre-, no que conflúen distintos regatos que van conformando a cunca do Tambre, que desemboca na ría de Muros e Noia. Medio Ambiente insta a empresa a solicitar a Augas da Galiza os permisos pertinentes de verteduras na Demarcación Galiza-Costa.