A australiana ETM aspira a facerse cos dereitos mineiros da Penouta este ano: a mineira confirma a información de 'Nós Diario'
A multinacional Energy Transition Minerals (ETM) confirmou esta segunda feira por medio dun comunicado oficial a exclusiva publicada o pasado 12 de xullo por Nós Diario arredor da oferta que presentou oficialmente na poxa polas instalacións e os dereitos mineiros de Strategic Minerals Spain no xacemento da Penout, en Viana do Bolo (comarca de Viana). A compañía australiana –con capital chinés– recoñece agora que a súa filial no Estado español (ETM Spain) "presentou unha oferta vinculante condicionada para adquirir todos os dereitos mineiros, títulos e intereses e activos relacionados de Strategic Minerals na mina da Penouta por 3,6 millóns de euros".
Para formalizar a súa oferta depositou os 500.000 euros de fianza obrigados nesta poxa, unha contía, destacan desde ETM, "que se compensará co prezo da oferta" e que é "reembolsábel" en caso de que non a compañía non saia gañadora finalmente. Aseguran desde a compañía australiana que financiarán os 3,6 millóns de euros ofertados pola explotación da Penouta "utilizando as reservas de efectivo existentes da compañía".
A pesar de apelar á "confidencialidade" do procedemento, no comunicado a empresa di abertamente ser "seleccionado como o ofertante preferido", se ben a citada oferta está suxeita a unha serie de condicións. Entre elas, a "execución dunha escritura de compravenda, a recepción dos consentimentos necesarios e as aprobacións para a transferencia dos dereitos mineiros e o título de Strategic Minerals –a actual propietaria–" na mina da Penouta. Desde ETM tamén sinalan un "posíbel investimento estranxeiro, acredor garantido e aprobacións xudiciais finais", e conclúen agardando que "a transacción que se complete teña lugar antes de finais de 2025".
Unha mina fechada polo TSXG e pendente de recurso
A mina da Penouta é, segundo recoñece a propia empresa australiana interesada na súa compra, "a única mina de tantalio e de niobio de Europa, o que a fai vital para a futura subministración destes minerais críticos no continente". Pero o certo é que na práctica a explotación mineral na Penouta está prohibida por sentenza xudicial do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG). Foi unha denuncia de Ecoloxistas en Acción diante do alto tribunal galego a que propiciou en outubro do 2023 a paralización provisional da explotación. A organización ambientalista denunciara Strategic Minerals polo posíbel risco da súa actividade mineira para un espazo próximo ao xacemento protexido ao abeiro da Rede Natura 2000.
A resposta do TSXG en outubro de 2023 foi que, "diante da mera posibilidade de que se produza un dano irreparábel ou de moi difícil reparación, debe prevalecer a suspensión da execución da actividade que pode producir ese risco", segundo sinalaba no seu auto o alto tribunal galego. Oito meses despois o TSXG fechaba definitivamente a explotación e mesmo declaraba nula a resolución administrativa na que a Xunta da Galiza concedía o permiso de explotación na Penouta. O TSXG tomaba esta drástica decisión ao considerar que nese tempo a empresa non fixo a "oportuna e axeitada" avaliación sobre o impacto no espazo protexido polo que foi previamente suspendida a actividade extractiva na zona, e tendo tamén en conta informes de afectacións na zona nas vivendas e a auga potábel nas proximidades da mina. A empresa e a Xunta recorreron a decisión do TSXG diante do Tribunal Supremo, cuxa resolución, chave no futuro da mina, está aínda pendente.
Froito do feche da actividade Strategis Minerals entrou en perdas, e só catro meses despois –en outubro de 2024–, en concurso de acredores, logo de recoñecer publicamente un buraco nas súas contas de máis de 2,5 millóns de euros. A administración concursal, previa solicitude da autorización xudicial correspondente, abriu a poxa para a venda da Penouta a través do portal Gobid o pasado 20 de xuño. As empresas interesadas en presentar ofertas pola Penouta tiveron de prazo até o pasado 10 de xullo, previo depósito dunha fianza de 500.000 euros.
A mala fama internacional que arrastra o xigante ETM
Energy Transition Minerals, cuxo accionista maioritario é a compañía chinesa de propiedade pública Shenghe Resources, é un dos principais operadores internacionais do negocio do litio e das terras raras. O grupo que aspira a facerse coa mina da Penouta desenvolve proxectos mineiros en países como Grenlandia —dependente do Estado de Dinamarca– ou Canadá. No primeiro explota o polémico xacemento de terras raras de zinc e uranio de Kvanefjeld, e alí as protestas sociais e un cambio de goberno en 2021 paralizaron o proxecto que ETM leva a cabo no sur, e distintos grupos ecoloxistas e políticos acusárona de "presións políticas" para influír na campaña electoral de 2021, "falsa transparencia", "portas xiratorias" e mesmo corrupción.
Un novo goberno de Inuit Atagatigiit (IA) no país mudou a normativa da minaría de uranio en Grenlandia e paralizou a explotación en Kvanefjeld. ETM demandou diante do Tribunal de Arbitraxe dinamarqués os gobernos groenlandés e mesmo o propio de Dinamarca, aos que reclama unha indemnización de até 11.500 millóns de dólares.
Os intereses detrás da mina da Penouta
A proposta recoñecida agora por ETM chega semanas despois de que as lalinenses Taboram e Batán Arenal formulasen unha oferta para facerse coa mina da Penouta. As construtoras radicadas na comarca do Deza ofreceron por esta explotación perto de 3 millóns de euros. A mina da Penouta era propiedade de Strategic Minerals Spain, filial no Estado de Strategic Minerals Europe Corp, compañía canadense que tivo como principais accionistas os cidadáns de orixe venezolana Serafino Iacono, Miguel de la Campa e Jaime Pérez Branger. Iacono é o primeiro accionista de IberAmerican Lithium, titular dos permisos de investigación dos xacementos de litio 'Maite', 'Carlota', 'Macarena' e 'Alberta II', emprazados nos concellos de Avión (O Ribeiro), Beariz e Boborás (comarca do Carballiño), Covelo (A Paradanta) e A Lama (comarca de Pontevedra).
