Un xulgado investiga as denuncias á canteira mariñá da Trindade
As denuncias interpostas pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega) e pola Fiscalía contra a canteira Trindade, en Mondoñedo (A Mariña), arrincaron o seu trámite xudicial. Segundo confirmaron fontes fiscais, a praza número dous da Sección Civil e de Instrución do Tribunal de Instancia de Mondoñedo será a encargada do caso e xa incoou dilixencias previas. A Fiscalía, que abriu a investigación tras recibir a anterior querela, interpuxo unha denuncia á canteira por un delito contras os recursos naturais e o medio ambiente. O ministerio público elevou a cuestión ao xulgado ao achar "indicios" da comisión dun feito delituoso.
A investigación abriuse porque en primeira instancia Adega, en colaboración coa entidade proteccionista Mariña Patrimonio, denunciou en maio de 2025 a canteira mariñá acusándoa de operar “ilegalmente” nunha superficie 10 veces superior á permitida pola Declaración de Efectos Ambientais (DEA), emitida no ano 1997 e que continúa aínda en funcionamento. Tamén denunciaron a afectación de bens patrimoniais protexidos, tales como o Castro da Trindade e a zona de protección do Camiño de Santiago do Norte.
Esta canteira xa foi obxecto de anteriores denuncias. En 2011 a Xunta iniciou o trámite dun expediente sancionador por “realizar traballos fóra do límite do perímetro autorizado". Este caducou e iniciouse un segundo no 2012, que tampouco prosperou. Pola súa parte, Adega e Mariña Patrimonio tamén presentaron denuncias contra a canteira en anteriores ocasións, como en 2017 e 2019, que en ambos os dous os casos foron arquivadas.
