O xuíz autoriza a venda de Vulcano a Marina Meridional coa concesión do porto

O empresario José Alberto Barreras paga 7,85 millóns polo estaleiro, mais queda a expensas do que decida hoxe o consello de administración do Porto de Vigo
Vista das instalacións de Factorías Vulcano na ría de Vigo
photo_camera Vista das instalacións de Factorías Vulcano na ría de Vigo

Vía libre para que o estaleiro Vulcano rexurda das súas cinzas. O Xulgado do Mercantil número 3 de Pontevedra, con sede en Vigo, aceptou a venda do estaleiro, que se atopa en liquidación, xunto coa concesión administrativa no porto vigués á empresa Marina Meridional, propiedade do empresario José Alberto Barreras e as súas fillas.

Na resolución, contra a que cabe recurso de reposición, o maxistrado acepta a única oferta presentada e que ascende a 7,8 millóns de euros. Na mesma, require á sociedade que compareza o día 22 de setembro de 2020 ás 12 horas nunha notaría de Vigo para "formalizar a escritura de venda e realizar o pago do prezo estipulado". En caso de que non o faga "suporá ter por desistida á sociedade ofertante con perda do depósito constituído", engade.

Sobre a cuestión que máis polémica suscitou nos últimos meses, a concesión de parte dos terreos polo Porto de Vigo, o xuíz lembra o pronunciamento da Audiencia de Pontevedra do pasado 6 de maio  que desestimaba a apelación interposta pola Avogacía do Estado en representación do ente portuario, que entendía que a concesión administrativa debía excluírse da venda. Así, na resolución indica que debe manterse "a vixencia da concesión administrativa" xa que esta formaba parte da unidade produtiva a efectos da súa venda.

Reunión do consello

Após coñecerse o ditame do xuíz, o Porto de Vigo realiza hoxe unha reunión do seu consello de administración na que ten previsto, entre outras cuestións, abordar a situación das instalacións de Teis e determinar se continúan a pelexar por recuperar para o uso público os terreos do estaleiro, sen os que o empresario José Alberto Barreras non estaría en disposición de seguir co seu proxecto. 

Neste senso, os plans de Marina Meridional para crear un holding naval orientado á construción, á reparación, ao mantemento e acondicionamento de buques contan co respaldo de entidades e Administracións como a asociación de metalúrxicos Asime, que se ofreceu a pórse en contacto cos distintos integrantes do consello para pedirlles que se opoñan á recuperación dos terreos. 

O sindicato CIG avanzou que defenderá esta postura. Pola súa banda, o alcalde vigués, Abel Caballero, tamén ve "conveniente" o mantemento da actividade industrial, mentres que o delegado da Zona Franca, David Regades, que tamén integra o órgano do Porto, se pon "a disposición de calquera proxecto".

Comentarios