Xornadas abusivas para os axentes forestais
O colectivo de axentes forestais e medioambientais de Galiza afronta un novo período de alto risco de incendios –que arranca o próximo 1 de xullo– sen ter conseguido avanzar nas negociacións coa Xunta. Sobre a mesa, o Goberno galego pide incrementar as horas efectivas en terreo de cada axente, por riba das 2.200 anuais. Unha proposta que bate coas demandas deste persoal funcionario, que vén denunciando durante os últimos anos a extrema precariedade que sofre o servizo público.
Unha medida que non ten en conta ningunha das reivindicacións continuas dos traballadores e traballadoras, funcionarias da Xunta, pois antes da proposta xa consideraban abusivas as súas xornadas. “As quendas son presenciais en monte, é dicir, non hai bases como no caso dos bombeiros das cidades ou noutras comunidades. Aquí é traballo efectivo, son horas de gran responsabilidade”, conta Burgo, en declaracións a Sermos Galiza.
Desde a central sindical nacionalista recordan que levan desde o ano 2007 reclamando un acordo que regule as condicións de traballo: horarios e xornadas, permisos, o recoñecemento da segunda actividade, así como as compensacións por excesos de xornada e polos riscos laborais e para a saúde asociados ao seu labor. Máis os numerosos intentos por acadar un documento de mínimos –os últimos desde o pasado novembro– quedaron sempre en nada.
[Podes ler a reportaxe íntegra no número 302 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques habituais]