Xornada chave para o futuro de Thenaisie

Thenaisie-Provôté, a histórica firma conserveira do Grove actualmente en concurso de acredores, cunha débeda superior aos cinco millóns de euros, afronta esta sexta feira unha reunión crucial para certificar a entrada dun novo investidor que garanta a súa continuidade, así como os apoios das Administracións. 
Traballadoras ás portas da factoría de Thenaisie-Provôté.
photo_camera 2020071709224073000

A conserveira Thenaisie-Provôté, que conta cunha factoría no Grove e unha plataforma loxística no concello de Mos, afronta hoxe unha reunión decisiva para o seu futuro. 

A empresa atópase en concurso de acredores desde o pasado mes de maio, cun pasivo de máis de cinco millóns de euros. A actual propietaria, o grupo romanés Scandia Food, que tomou o control da centenaria firma de conservas en 2018, non foi quen de darlle a volta a unha complicada situación económica. Agora acepta botarse a un lado para dar entrada a un novo investidor, pero o seu desembarco na conserveira fundada en 1904 non está completamente atado.

Sindicatos, empresa, Xunta e Zona Franca están chamados á xuntanza desta tarde na sede do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), da que debería saír un acordo entre as partes que garanta a actividade industrial da firma.

Como explica a Nós Diario a presidenta do comité de empresa de Thenaisie-Provôté, Rosa Domínguez, todo o que non sexa a continuidade da factoría sería "un golpe durísimo" para as 125 familias que dependen directamente dos centros do Grove e Mos, ás que habería que sumar todas as que dependen indirectamente da actividade da conserveira.

Problemas de liquidez

Scandia Food tomou o control de Thenaisie en 2018. "Collérona con moita ilusión", lembra Domínguez, xa que en Romanía estaban especializados en conservas de carne, unha actividade que querían complementar coas conservas de peixe, "pero non o souberon levar e non se deixaron asesorar". 

Así, o problema de xestión derivou noutro de liquidez, que levou a presentar o concurso o pasado mes de maio. "En xaneiro dixéronnos que íamos ter atrasos no pagamento das nóminas, e en febreiro xa anunciaron que non tiñan pensado pór un euro máis na Galiza", apunta a presidenta do comité, que por outra banda confirma que a empresa "está ao día" nos pagamentos ao cadro de persoal.

E de liquidez tamén son os problemas do posíbel comprador. O empresario vigués Alfonso Carneiro, propietario de Izmar, unha auxiliar da automoción, e de Conservas Dani, compromete 9 millóns de euros para cubrir a débeda e o investimento necesario para manter a flote a compañía.

O problema é que os bancos, con Abanca e Sabadell entre os acredores, non adoitan financiar operacións para empresas en concurso. Tampouco o teñen moi claro os actuais propietarios, que exixen un plan de negocio ao posíbel comprador antes de darlle o relevo.

E despois están a Xunta e o Consorcio da Zona Franca de Vigo, que nas últimas datas ofrecéronse a pór cartos para financiar o plan de viabilidade da compañía, aínda que de momento non deixa de ser unha declaración de intencións sen reflexo sobre o papel. 

En continuo movemento para non caer

O papel do persoal traballador está a ser unha das chaves na procura de solucións. Precisamente, foron as integrantes do cadro de persoal e as representantes do sindicato CIG as que deron con Carneiro. "Se non nos movésemos, estariamos xa en liquidación", asegura Domínguez, "e en liquidación Scania Food non leva nada, salvo que teñan algo por detrás", matiza a presidenta do comité de Thenaisie.

De momento seguen a traballar con normalidade na factoría, aínda que non están a producir para as marcas propias (Grandes Hoteles, Pombiña senón para terceiros. "Temos que manter a fábrica aberta, porque fechada non a querería ninguén", indica Domínguez, que non toma partido sobre a idoneidade ou non do posíbel investidor. "O que queremos é alguén que respecte os nosos postos de traballo"

Pronunciamento da Xunta

Da reunión, o primeiro que agardan e "que esteamos todos", en referencia ás partes. A empresa irá representada polo bufete Garrigues e a directora financeira. As que non estaban confirmadas ao fechamento desta edición eran as representantes da Administración galega. 

Neste senso, desde o comité pídenlle ao conselleiro de Economía, Francisco Conde, que finalmente non asistiu ao encontro que mantiveron hai unhas semanas co director do Igape, Juan Cividanes, "que polo menos dea a cara, e despois que desbloquee a situación". 

"Esta semana temos que ter algo en firme". De non ser así, as traballadoras anuncian novas mobilizacións nos próximos días porque "a empresa non vai fechar por nós". "Thenaisie non a fecha o persoal traballador, féchana eles", insiste.

Comentarios