Xabier Aboi: “Bruxelas está a excluír a Galiza da Unión Europea ao acabar cun sector básico para nós como é a pesca”

O Parlamento europeo vota hoxe a ratificación do acordo pesqueiro que expulsa a flota galega de Mauritania. O responsábel de CIG-Mar, Xabier Aboi, advirte: “Os nosos barcos van ser moeda de cambio para beneficiar outras forzas”.

Esta sexta feira pasada marcharon en Marín centos de persoas na defensa da flota cefalopodeira galega, expulsa hai meses de Mauritania por un convenio entre a Unión Europea e ese país que tiña como unha das súas consecuencias poñer punto e final á presenza de buques de Galiza nesas augas. Esta terza feira, 8 de outubro, o Parlamento europeo vota se ratifica ese acordo. Falamos con Xabier Aboi, de CIG-Mar sobre a situación da flota galega.

Que é o que se xoga a flota galega na votación do Parlamento Europeo?

Pois hai moito en xogo. Por exemplo, saber se a UE ten acordos pesqueiros que beneficien a todas as flotas dos seus estados membros ou só para algunhas (holandesa, por exemplo). Ou ben se Bruxelas quere ter unha flota e unha tripulación europea e un sector potente de pesca para alimentar e non para coller capturas para fariña de peixe. En definitiva, a votación vai permitirnos saber se Galiza ten algún sitio, por pequeno que sexa, nesta Unión Europea. Porque o certo é que é a propia Bruxelas a que exclúe a Galiza a Unión Europea ao atacar un sector básico para nós como é a nosa pesca.

Ten afirmado que a flota galega é moeda e cambio...

Afirmei. Estanse a firmar convenios e acordos pesqueiros nos que se benefician outras flotas (ben sexa holandesa, andaluza,..) a costa de prexudicar a galega. Non é unha novidade, desde que entramos na UE os nosos produtos e sectores foron moeda de cambio en beneficio doutros de, por dicilo así, a área mediterránea: estragaron o noso naval, o conserveiro, o leite, a pesca...

Sostén que a flota galega foi prexudicada desde a entrada na UE

O diagnóstico que fixo o nacionalismo, for sindical for político, creo que se demostra acertado: a UE non foi positiva para Galiza. A nosa flota é un exemplo, expulsa de moitos caladoiros, obrigada ao despezamento, con TACs e cotas perxudiciais... E o goberno español que nos ofrece? Nada. Por poñer un exemplo, por un acto en Vilagarcía na Autoridade Portuaria para protestar pola situación da flota a resposta foi...multas e sancións.