O prezo da vivenda dispara o IPC galego até o 2,5% en agosto

O índice galego sitúase dúas décimas por baixo da media do Estado español, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística. Os alimentos e bebidas non alcohólicas subiron un 2,1% en relación co mesmo mes de 2024, mentres que a vivenda lidera a suba dos prezos cun incremento do 5,8%.

Unha muller ante o escaparate dunha inmobiliaria en Compostela. (Foto: Clara Xanthina)
Unha muller ante o escaparate dunha inmobiliaria en Compostela. (Foto: Clara Xanthina)

O Índice de Prezos de Consumo (IPC) aumentou na Galiza até o 2,5% interanual en agosto, tras un incremento de 0,2 puntos con respecto a xullo. Así o recollen os datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística (INE), que sitúan a taxa galega dúas décimas por baixo da media do Estado español, fixada no 2,7%.

O sector da vivenda foi o que rexistrou un maior incremento, cunha subida do 5,8% respecto de agosto do pasado ano. Pola súa parte, os alimentos e bebidas non alcohólicas encarecéronse un 2,1%, mentres que as bebidas alcohólicas e o tabaco aumentaron un 4%.

Outros apartados que experimentaron alzas foron o vestido e o calzado (+1,4%), a menaxe (+0,8%), a medicina (+2,6%), o transporte (+1%), as comunicacións (+0,8%), o lecer e a cultura (+0,6%) e a ensinanza (+2,5%). Os hoteis, cafés e restaurantes tamén incrementaron os prezos nun 4,4%.

Datos no conxunto do Estado español

No ámbito estatal, o IPC mantívose no 2,7% interanual en agosto, unha estabilidade atribuída polo Ministerio de Economía ao comportamento da electricidade, que compensou a suba dos carburantes. "É a mesma taxa que en xullo e continúa a senda de converxencia co obxectivo de inflación do Banco Central Europeo", sinalaron desde o departamento que dirixe Carlos Cuerpo.

O IPC dos alimentos e bebidas non alcohólicas situouse no 2,3% a nivel estatal, catro décimas por baixo da taxa de xullo, debido á baixada da froita. Segundo o Ministerio, "a estabilidade da inflación e a suba dos salarios están a permitir ás familias recuperar de forma progresiva o seu poder adquisitivo".

Inflación subxacente

A inflación subxacente —que exclúe alimentos non elaborados e produtos enerxéticos— incrementouse unha décima, até o 2,4%, tres décimas menos que o índice xeral.

Pola súa parte, a taxa interanual a impostos constantes situouse no 2,2%, mentres que o índice de prezos de consumo harmonizado (IPCA) quedou no 2,7%, a mesma cifra que no mes anterior.

Comentarios