Os viños de Finca Míllara sitúanse entre os mellores tintos da Galiza, segundo Tim Atkin

Todos os viños da adega catados por Beth Willard superaron os 90 puntos.

Viñedos de Finca Míllara á beira do río Miño. (Foto: Finca Míllara)
Viñedos de Finca Míllara á beira do río Miño. (Foto: Finca Míllara)

O británico Tim Atkin, prestixioso xornalista e Master of Wine, acaba de publicar o seu Informe Galiza 2025, para cuxa elaboración Beth Willard catou unas 500 mostras de varias Denominacións de Orixe (DO) galegas, de viños actualmente no mercado (ou a punto de saír).

Entre os caldos galegos seleccionados por esta guía sitúanse os da adega Finca Míllara. Todos os seus viños catados por Willard foron puntuados por riba dos 90 puntos.

Ademais, dúas das súas referencias, que sairán ao mercado este ano, foron elixidas entre os 40 mellores viños tintos de todo o país. Trátanse de Finca Míllara Veliño 2022 (95 puntos) e Finca Míllara Tras das Martras 2022 (94 puntos).

Diversidade de variedades locais

Tim Atkin define Galiza como unha das grandes rexións vinícolas do Estado español, cunha tradición vitivinícola que se remonta á época romana e á Idade Media, tal e como testemuñan, por exemplo, as adegas de Vilachá na Pobra do Brollón (Terra de Lemos). Un territorio, afirma o Master of Wine, variado e que abarca unha gran diversidade de variedades locais.

Este informe trata sobre as DO do Ribeiro, a Ribeira Sacra, Valdeorras e Monterrei.

Comentarios