Villar Mir pon á venda as súas centrais hidroeléctricas en Galiza

O marqués e ex-ministro procura reducir a importante débeda do grupo coa venda duns activos cos que gañou millóns de euros estes anos a costa dos ríos galegos, nomeadamente o Xallas.

Villar MIr
photo_camera Villar MIr

Villar Mir quere vender as seis centrais hidroeléctricas que posúe en Galiza, uns activos rentábeis que supuxeron ingresos de millóns de euros para o ex-ministro. Porén, a importante débeda á que debe facer fronte o seu grupo estaría na base desta decisión de se desfacer do seu negocio enerxético, que en Galiza se basea nas centrais que posúe no río Xallas. A nova non deixou de xerar sorpresa, máxime tendo en conta que Villar Mir tiña previsto construír tres novas centrais hidroeléctricas no Xallas, un investimento duns 30 millóns de euros.

As conversas para se desfacer das centrais que ten en Galiza, así como as que posúe en Aragón e mesmo Francia (14 en total), estarían nunha fase avanzada e xa contactarían fondos de investimento interesados nunhas centrais que, só en Galiza, lle deixaron nestes anos máis de 23 millóns de euros en beneficios. A cuantía da operación podería andar polos 900 millóns de euros.

Villar Mir comezaba o ano con proxectos de expansión para o seu negocio de enerxía en Galiza. Unha aposta que se concretaba nesas novas tres centrais hidroeléctricas no Xallas. Ao tempo, o ex-ministro estaba mergullado nun litixio coa Xunta pola norma que lle obriga preservar a fervenza do Ézaro e pola fianza de máis de 8 millóns de euros que lle impuxo o xuíz por secala. Unha xoia única (unha fervenza que caía directamente ao mar), secada para favorecer o negocio hidroeléctrico.

Xestión pública

Recuperar para a xestión pública os saltos hidroeléctricos nos ríos de Galiza cuxas concesións van caducar en breve foi o cerne dunha proposta que o BNG puxo sobre a mesa para debate no último pleno da lexislatura pasada. “As centrais hidroeléctricas son exemplo de como esquillman nos recursos naturais de Galiza asumindo como país todos os custos ambientais mais sen beneficio algún”, explicou Francisco Jorquera.

Non era a primeira vez que esta formación, e con este mesmo deputado, fai esta reclamación. Foi, iso si, noutro escenario, Congreso dos Deputados e en 2010. IC-V presentara unha proposición non de lei para reducir os inxentes beneficios das hidráulicas. E a única voz que apoiou a proposta desde o atril foi o BNG, a través de Francisco Jorquera: “As grandes hidroeléctricas explotan un recurso público como é a auga, ganan millóns de euros e a sociedade galega paga os custos ambientais”. A deputada nacionalista Carme Adán, nun recente debate nunha comisión na Cámara galega, preguntou ao goberno galego se prevía algún tipo de revisión do modelo de explotación da gran hidráulica posto que o existente, de concesión, “non é publico”, senón que é “un ben público do que as empresas obteñen beneficios privados”.

Comentarios