Vigo, A Coruña e Compostela exixen que a Xunta paralice as novas licenzas de VTC
Os concellos de Vigo, A Coruña e Compostela coincidiron esta terza feira en exixir á Xunta da Galiza que paralice a autorización de novas licenzas para vehículos de transporte con condutor (VTC). Así o expuxeron na reunión que mantiveron os tres gobernos municipais e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para tratar a expansión destas plataformas, que teñen xa máis de 650 licenzas operativas na Galiza, segundo os últimos datos achegados polo Ministerio de Transportes a Nós Diario. Unha xuntanza telemática na que se acordou tamén que a Executiva da Fegamp tomaría nota destas reivindicacións, que deben de plasmarase agora nun documento consensuado para seren elevadas á Xunta.
A reunión entre os tres concellos e a Fegamp chega após a concorrida mobilización da semana pasada en Compostela —con centos de taxis de toda a Galiza 'rodeando' a sede da Xunta en San Caetano— e o cansazo dos executivos locais ante un Goberno galego ao que responsabilizan de querer "eludir o problema" que provocan as VTC sobre as costas dos concellos. "Os Gobernos de Santiago, A Coruña e Vigo concordan en que é precisa unha maior implicación da Xunta no que ten a ver coa regulación das VTC", manifestou Xan Duro, edil compostelán de Mobilidade, após a reunión. Para el, "non é comprensíbel que a Xunta autorice novas licenzas de VTC sen estudos pormenorizados sobre a situación do sector, mentres que, por exemplo, os concellos deben elaborar amplos informes para que a Xunta autorice a concesión de novas licenzas de taxi". Duro considera que "é complicado regular algo que afecta todo o país a base de ordenanzas municipais".
Pola súa parte, Noemí Díaz, concelleira de Mobilidade da Coruña, tamén reclamou un estudo de demanda "e que mentres non estea se paralice a concesión de licenzas". Para Díaz, "probablemente" haxa máis autorizacións para os servizos interurbanos que prestan as VTC que "as que realmente se precisan". Apelou, ademais, a que se traballe nunha norma a nivel galego sobre as VTC para evitar o risco de chegar a ter "até 313 regulamentos diferentes". A postura de Vigo explicouna o seu alcalde, Abel Caballero, antes do inicio da reunión coa Fegamp: "A Xunta ten que facer un estudo de demanda antes de tomar calquera decisión". Caballero defendeu, ademais, que o taxi "é un servizo público que dá fiabilidade" e augurou novas xuntanzas coa Fegamp para abordar este tema, "e non só con estas tres cidades, con máis".
Para o presidente da Fegamp, Alberto Varela, unha das principais conclusións do encontro é que "é necesario estabelecer un diálogo coa Xunta, xa que non parece razoábel que isto recaia unicamente nos concellos". Ademais, destacou que os entes municipais manteñen "dúbidas" sobre os estudos técnicos que xustificaron a concesión de licenzas vinculadas ao transporte interurbano na Galiza.
Cada vez máis
Nas Galiza operan tres plataformas de vehículos de transporte con condutor: Uber, Cabify e Bolt. Neste momento hai algo máis de 650 licenzas VTC na Galiza, centradas nomeadamente na Coruña (223), Compostela (203) e, a maior distancia, Vigo (23), mais xa están presentes en máis de 50 concellos. En contraposición, existen arredor de 3.500 licenzas de taxi.
Unha licenza de VTC permite operar legalmente no transporte de pasaxeiros dunha maneira profesional. Hai varias diferenzas cos taxis, unha delas é que os VTC deben ser contratados previamente a través dunha aplicación móbil ou da propia empresa. Outra diferenza, que estas licenzas permiten unicamente o percorrido interurbano, non o urbano. Este último queda reservado para o taxi. Os colectivos de taxistas denuncian que, aínda que os VTC só poden realizar servizos interurbanos —entre diferentes municipios— con vehículo eléctrico, a realidade é que están a traballar dentro das cidades. Os profesionais aseguran que esta situación pode comprobarse cada día en calquera cidade galega. O sector do taxi lembra que é un servizo público e esencial, mentres que estas plataformas son privadas e actúan baixo demanda. As persoas profesionais do taxi son traballadoras autónomas, que pagan as súas cotas á Seguridade Social, licenzas, impostos etc. Pola súa parte, os VTC son empresas que realizan unha selección de persoal e contratan as persoas que máis adiante conducirán como asalariadas os vehículos da empresa.
O conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, aseguraba a finais de outubro que son os respectivos concellos os que teñen "a competencia de sanción para casos nos que se faga un uso indebido da licenza" de VTC, o que os gobernos locais entenden como "unha manobra" do Executivo que preside Alfonso Rueda para "trasladar aos municipios" a responsabilidade de dar solución a este problema.
Entre xaneiro e outubro a Xunta afirma que enviou 250 actas de infracción dos VTC da Inspección de Transportes da Dirección Xeral de Mobilidade e boletíns de denuncia recibidos da Garda Civil, a maioría delas aos concellos de Compostela (116) e da Coruña (112). A Vigo remitíronselle 17 e dúas a Culleredo.
Tarifas reguladas fronte a outras "dinámicas"
Os prezos das “carreiras” realizadas polos taxis están fixadas e reguladas. Non poden variar agás que así o dite a normativa, e sempre están a disposición da persoa usuaria para que poida comprobar que son os estabelecidos legalmente. Os VTC, pola súa parte, poden subir ou baixar prezos segundo a demanda. Son os "prezos dinámicos", en terminoloxía das empresas. As VTC, operadas por empresas privadas, utilizan algoritmos que axustan os prezos en tempo real segundo a oferta e a demanda. En situacións de alta demanda, como horas punta, eventos masivos ou condicións climáticas adversas, as persoas usuarias poden enfrontarse a tarifas que duplican o custo habitual dun traxecto. Un recente informe elaborado pola consultora KPMG resaltou o impacto económico desas tarifas dinámicas das empresas de vehículos de transporte con condutor no Estado. Segundo o estudo, os usuarios de VTC pagan até 42 millóns de euros máis ao ano debido a estes prezos variábeis. Este modelo de prezos, característico de plataformas como Uber, Cabify ou Bolt, contrasta directamente co sistema de tarifas reguladas do taxi, que garante estabilidade e protexe aos consumidores de subas desproporcionadas.