A vida útil de 3.300 aeroxeradores situados na Galiza rematará nun máximo de 5 anos

Os directivos de Iberdrola, Ignacio Sánchez Galán;de Naturgy, Francisco Reynes; e de Enel, José Bogas. (Fotos:Europa Press)

As repotenciacións dos parques eólicos téñense convertido nunha nova vía de negocio para as empresas eléctricas. Só en 2023 estas compañías recibiron do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o  Reto Demográfico (Miteco) 185,7 millóns de euros en axudas públicas para desenvolver estes traballos.

A última liña de axudas do Goberno do Estado para a repotenciación de parques eólicos, a de 2023, estaba dotada con 185,7 millóns de euros, sendo as compañías máis beneficiadas por estas achegas públicas Iberdrola, Naturgy, Enel e Acciona, titulares da maioría dos 169 proxectos subvencionados polo Executivo español. Precisamente, estas tres compañías recibiron nesa anualidade ao redor de 47,7 millóns de euros para repotenciar diversas instalacións na Galiza.

Iberdrola, o primeiro operador eólico do país con sede en Bilbo (Euskadi), recibiu subvencións de 15,4 millóns de euros para repotenciar dous parques eólicos. Un deles, emprazado en Muras (A Terra Chá) percibiu 11 millóns de euros para substituír 74 aeroxeradores cunha potencia unitaria de 0,66 megawatts (MW) por 11 aeroxeradores de 4,3 MW. A operación representa un excelente negocio para a compañía vasca, que vai aumentar os seus ingresos e reducir os gastos derivados do canón eólico, que a Xunta da Galiza estabelece polo número de aeroxeradores do parque e non pola potencia instalada no mesmo.

A repotenciación do denominado parque eólico de Muras xera para as arcas públicas unhas perdas de 390.900 euros ao ano, un aforro para Iberdrola de 10 millóns de euros en 25 anos de vida útil da instalación e un incremento da facturación de 30% nese mesmo período. Mentres, actualmente a compañía titular do parque debe ingresar anualmente á Administración 436.000 euros a razón de 5.900 euros por cada un dos 74 aeroxeradores, unha vez repotenciado só estaría obrigado a achegar 45.100 euros ao ano, isto é 4.100 euros por cada un dos 11 aeroxeradores.

O doutor en Bioloxía e experto en contaminación atmosférica e histórico do ecoloxismo galego Ramón Varela sinala a Nós Diario que, “considerando que o custo da renovación alcanzou 39,4 millóns, que contou con subvención, que a súa produción aumentou e que aforra anualmente o canon eólico, podemos dicir que a repotenciación, retirada de muíños vellos, desmantelamento e demolición parcial ou total das cimentacións, novo cableado, gabias e novos aeroxeradores, saíu case gratis por non dicir gratis para a eléctrica. Todo un negocio”.

Iberdrola

O parque de Muras favorecido pola subvención do Estado entrou en funcionamento en 1998 polo que se atopa ao final da súa vida, precisando acometer a repotenciación para seguir xerando electricidade. A este respecto, Ramón Varela sinala  que “os parques eólicos teñen unha vida útil limitada e a repotenciación é unha modificación e alternativa que se realiza aproximadamente entre 20 ou 25 anos despois de pórse  en marcha un parque eólico”.

“A repotenciación”, continúa Varela, “consiste en substituír parcial ou totalmente os vellos aeroxeradores, turbinas e elementos principais por modelos  máis actuais, con maior potencia, moito máis altos, robustos e eficientes, así increméntase a produción, redúcese o número de aeroxedarores e por suposto non din que a empresa eléctrica acaba pagando moito menos á Administración polo canon eólico, que é un imposto que teñen algunhas autonomías”.

A historia do parque de Muras repítese noutro complexo eólico de Iberdrola emprazado entre os concellos de Mañón e Ortigueira, na comarca de Ortegal. Neste caso, o denominado parque da Serra da Panda, en funcionamento desde 2002, recibiu unha subvención do Estado para a súa repotenciación de 4,4 millóns de euros para substituír os seus 22 aeroxeradores  de 0,66 MW e os dous de 2 MW, por tres aeroxeradores de 4,3 MW e dous de 2 MW. A repotenciación xerará unhas perdas anuais para Administración en concepto de canon eólico de 120.100 euros ao ano.

Os aeroxeradores galegos

Os parques eólicos de Muras e da Serra da Panda non son ningunha excepción na Galiza. Segundo os datos achegados pola consultora Deloitte, 171 complexos eólicos emprazados no país, cun numero de 3.300 aeroxeradores e unha potencia instalada total 2.407 megawatts (MW), que representa 62% do conxunto da potencia eólica emprazada na Galiza, son anteriores a 2005. Tendo en conta, que a vida útil dun aeroxerador é de 20 ou 25 anos en función do seu emprazamento, as operadoras eólicas propietarias deses complexos eólicos deberán acometer nun máximo de cinco anos a repotenciación desas instalacións.

Galiza conta co parque de aeroxeradores eólicos máis antigo de todo o Estado español, sendo a antigüidade das instalacións galegas moi superior a doutras comunidades. A este respecto, Deloitte sinala que con anterioridade a 2005 estaban operativos en Castela-A Mancha 2.006 MW, 1.739 MW en Castela e León e 1.3015 MW en Aragón. Precisamente, estas tres comunidades canda Galiza e Nafarroa, con 895 MW, posuían 85% de toda a capacidade de xeración eólica operativa no espazo estatal hai 19 anos.

Un negocio "redondo" para as empresas enerxéticas

A empresa madrileña Naturgy recibiu do Estado 12,7 millóns para repotenciar o parque eólico de Monte Redondo, en Vimianzo (Terra de Soneira). A instalación, en funcionamento desde 2002 e cunha potencia de 49,5 MW, reducirá en 44 o seu número de aeroxeradores, deixándoos en 12 de maior capacidade. Ao tempo, canda Enel e a Xunta da Galiza logrou 13,4 millóns de euros para repotenciar o parque eólico das Somozas, emprazado neste municipio da comarca de Ferrolterra.

 A compañía italiana Enel foi tamén beneficiaria de axudas públicas por unha contía de  6,2 millóns de euros para repotenciar dúas instalacións eólicas. Unha delas, o parque eólico do Castelo, emprazado no concello de Coristanco (Bergantiños) está en funcionamento desde 2001 e ten unha potencia de 16,5 MW. A outra, o parque eólico de Coriscada, sitúase en Mañón e Ortigueira (Ortegal), conta cunha potencia de 26,4 MW e está en funcionamento desde 1998.

O Goberno do Estado achegou 495.000 euros para repotenciar o parque de Pena Galluda, propiedade de Energía de Galicia (Engasa) en Laracha (Bergantiños). E subvencionou con 500.000 euros a repotenciación do parque de Sotavento en Xermade (A Terra Chá), cuxa titularidade corresponde ao Executivo  galego