O eólico galego, en mans estranxeiras

Beatriz Mato non deixa de medrar. Após abandonar as súas responsabilidades institucionais e incorporarse á empresa enerxética Greenalia, a ex conselleira ocupa un posto na dirección da patronal eólica tras fracasar no asalto a súa presidencia. 
feixoo sanchez galán
photo_camera Ignacio Sánchez Galán, conselleiro delegado de Iberdrola, saúda a Alberto Núñez Feixoo na súa primeira toma de posesión como presidente galego

A ex conselleira de Traballo e, posteriormente, de Medio Ambiente, alén de ex candidata do PP á Alcaldía da Coruña, Beatriz Mato, fai parte da dirección da Asociación Eólica da Galiza (AEG) desde o 8 de maio en representación de Greenalia. Mato, incorporada á compañía enerxética en febreiro deste ano, tentou conseguir a presidencia da patronal eólica e desenvolveu unha campaña electoral que non pasou desapercibida para ninguén. A política do PP non dubidou en dirixirse por carta ás socias da entidade para solicitarlles o voto, explicarlles a idoneidade da súa candidatura e exporlles o seu programa.

Mato fixo valer a súa traxectoria política para solicitar o apoio á súa candidatura. “Ocupei distintos cargos políticos e de xestión pública, destacando os últimos 10 anos nos que fun conselleira da Xunta, sete anos como conselleira de Traballo e Servizos Sociais e os últimos tres como conselleira de Medio Ambiente”. Segundo ela, esa bagaxe “fai que achegue unha experiencia contrastada en capacidade de negociación e colaboración con outros partidos políticos, sindicatos e empresarios, así como unha grande experiencia no tecido empresarial galego”.

A proposta central do programa de Mato era conformar un “lobby que debe converterse na asociación de referencia do sector e das Administracións”. Porén, a alternativa de Greenalia non contaba co apoio do resto das empresas da patronal eólica, descontentas polo trato de favor da Xunta da Galiza a esta sociedade. Outro tanto opina Adega, que denunciaba recentemente o uso dunha documentación reservada por parte desta compañía, cuxa custodia lle correspondía á Consellaría de Medio Ambiente, precisamente o departamento dirixido até 2018 por Beatriz Mato.

As 5 primeiras compañías de xeración eólica da Galiza son de capital estranxeiro e pagan os seus impostos fóra do país

As relacións de Mato con Greenalia son coñecidas de vello. Á volta de 2017, a Consellaría de Medio Ambiente, con Mato á fronte, outorgou a Greenalia as diversas autorizacións legais para pór en funcionamento unha central de biomasa en Teixeiro (Curtis). O proxecto, auténtico buque insignia da empresa na Galiza, líbrase en xullo dese ano de “someterse ao proxecto de avaliación do impacto ambiental común”, ao “non consideralo necesario” o departamento dirixido por Mato. Ademais, conta cun financiamento a cargo dos fondos europeos que cobren o 50% do investimento.

Beatriz Mato non é a única ex conselleira ligada a Greenalia. O todopoderoso ex responsábel de Industria e Comercio da época Fraga, Antonio Couceiro, tamén ocupa asento no Consello de Administración da empresa desde 2017, tomando un ano despois participación no seu capital.

O liderado eólico da Galiza

Galiza é o terceiro produtor eólico do Estado, só superado por Castela e León e Castela A Mancha. Segundo os datos fornecidos pola Xunta da Galiza, en xaneiro de 2020, a situación podería mudar en breve, xa que están próximos a entrar en funcionamento “outros seis parques eólicos e unha repotenciación que suporía un incremento de 143,55, co que Galiza chegaría a perto de 4.000 megavatios de potencia eólica en 187 parques”.

A produción de enerxía eólica disparouse o ano pasado. Se a 31 de decembro de 2018 a potencia instalada situábase en 3.411 megavatios, que cubrían 42,1% da demanda eléctrica do país, ao longo de 2019 puxéronse en marcha un total de 18 proxectos eólicos cunha potencia instalada de 415,24 megavatios, sendo Naturgy a empresa máis favorecida.

A potencia eólica instalada na Galiza supera 3.800 megavatios. Segundo a información do Instituto Enerxético da Galiza (Inega), organismo público dependente da Xunta, cinco empresas, todas elas de capital estranxeiro, suman 2.070 megavatios e 82 parques, o que representa arredor de 55% da produción total do país. A listaxe encabézaa Iberdrola, seguida de Acciona, Naturgy, Endesa e EDP.

Vinculacións co PP

Os grupos enerxéticos estranxeiros son os principais bene ficiados das concesións eólicas promovidas polos diferentes Gobernos do Partido Popular. Iberdrola é o primeiro operador eólico da Galiza. A multinacional, con sede en Bilbo, conta con 599,5 megavatios e 18 parques, sendo os seus accionistas de referencia o fondo soberano de Catar, con 9,72%; Kutxabank, con 3,60%; o Banco de Noruega, con 3,17% e o fondo de investimentos estadounidense Blackroc.

Á presenza de varios antigos dirixentes do PP no seu Consello de Administración sumáselle a súa implicación, como principal beneficiado, na trama eólica que sacudiu Castela-León e mais a coñecida relación do seu conselleiro delegado, Ignacio Sánchez Galán, co presidente galego, Alberto Núñez Feixoo.

Acciona písalle os talóns a Iberdrola. A sociedade madrileña explota 562,3 megavatios e 26 parques eólicos na Galiza, construídos entre 1998 e 2005. Foi unha das principais beneficiarias das concesións dos Gobernos de Manuel Fraga. A familia Entrecanales, o seu principal accionista, con máis de 55% do capital, apareceu vinculada nalgunha ocasión ás tramas de financiamento irregular do PP, até o punto de ser investigada na “Operación Púnica” por supostos donativos ao partido.

Sede fiscal fóra da Galiza

A denominación comercial da mercantil xurdida da absorción de Fenosa por Gas Natural, Naturgy, dispón de 393,2 megavatios e 16 complexos de xeración no país. A eléctrica ten fixada a súa sede social en Madrid e está participada pola entidade financeira La Caixa, con 24,4%; pola sociedade británica de capital risco CVC Capital Partners, con 20%; pola GIP III Canary 1 S.A.R.L, división enerxética do fondo de investimentos estadounidense Global Infrastructure Partners, con 20%, e pola empresa do gas alxerina Sonatrach, con 4%. A diferenza de Iberdrola e Acciona, que non teñen ningún proxecto pendente de desenvolver na Galiza, Naturgy vai poñer en funcionamento un novo parque ao longo de 2020.

Endesa é o cuarto operador eólico da Galiza. A eléctrica, unha das xoias da coroa do sector público estatal, privatizada polo Goberno de José María Aznar -quen pasado o tempo fixo parte do seu Consello de Administración- conta cunha potencia instalada de 262 megavatios e 13 parques operativos. A sociedade ten o seu enderezo fiscal en Madrid e é propiedade de Enel, compañía enerxética italiana de capital público, que controla 70% das accións de Endesa.

Energias de Portugal (EDP) está presente de vello no negocio galego das renovábeis. A súa primeira instalación remóntase a 1998, cando Hidrocantábrico, sociedade de capital asturiano posteriormente absorbida por EDP, entra no mercado eólico da Galiza. A súa sede fiscal no Estado está en Oviedo. Porén, o seu accionista maioritario, con 21,35% das participacións, é China Three Georges Corporation, empresa pública chinesa que se fixo con EDP tras a súa privatización polo Goberno portugués, seguindo as directrices da troika. Logo da mercantil chinesa, con 21,35% das participacións, sitúanse Oppidum, sociedade propiedade do banco Liberbank e da familia Masaveu, con 7,19%, e Iberdrola, con 6,79% .

A totalidade destas compañías pagan os seus impostos fóra da Galiza, malia obteren nela importantes beneficios económicos. Mentres as galegas e galegos soportan o custo social e ambiental dunha actividade con importantes prexuízos para a colectividade, cuxo desenvolvemento está ligado ás concesións públicas, os beneficios emigran para aqueles territorios onte teñen o enderezo fiscal.

Segundo o Observatorio Fiscal do Ibex, elaborado pola Comisión Nacional do Mercado de Valores para as compañías cotizadas, catro destas empresas tributaron nos primeiros meses de 2019, en concepto de Imposto de Sociedades, 1.365 millóns de euros. Iberdrola ingresou á facenda pública 889 millóns; Naturgy, 335 millóns; Acciona, 103 millóns e Endesa, 18 millóns, nun exercicio lastrado por uns resultados económicos moi malos.

Comentarios