Urxen a creación dun novo marco regulatorio da enerxía

Delegados e delegadas da CIG na industria electrointensiva concentráronse diante da Delegación do Goberno coincidindo co inicio da poxa de interrumpibilidade.

D9Qlw6iXkAIvyby

Delegados e delegadas da CIG concentráronse diante da Delegación do Goberno na Galiza para exixir un novo marco regulador da enerxía que garanta a viabilidade da industria electrointensiva, sector que representa no noso país por volta de 5.000 empregos directos. A protesta realízase coincidindo co inicio da poxa de adxudicación do sistema de interrompibilidade

.A CIG reitera que esta poxa é unha “auténtica ruleta rusa e a verdadeira causa da inestabilidade e do risco permanente dos postos de traballo neste sector”, de aí que demande a aprobación urxente do estatuto do consumidor electrointensivo comprometido polo Goberno español.

Aproveitando a concentración, a CIG trasladou por escrito estas demandas ás ministras de Industria e de Transición Enerxética "para emprazalas a que cumpran as súas promesas, que non sigan mentindo".

O secretario xeral, Paulo Carril, lembrou que a CIG "leva anos mobilizándonos  na defensa dunha regulación máis xusta e equitativa, que recoñeza o status da industria electrointensiva a través da creación dunha tarifa industrial máis xusta, estábel e predicíbel”.

O presidente do comité de Alcoa San Cibrao, Xosé Paleo (CIG), advertía que "somos a seguinte fábrica no abismo", destacando que o complexo da Mariña é a industria máis electrointensiva que existe nestes momentos en Galiza. O presidente de Celsa Atlantic, Agustín Méndez (CIG), explicou que  o Grupo Celsa acaba de anunciar un investimento de 60 millóns de euros en Francia para pór en marcha un tren de laminado con capacidade para producir 600.000 toneladas de aceiro "que poderíamos producir na planta da Laracha".

Sobre a situación de Alcoa da Coruña, o delegado da sección sindical da CIG, Serxio Mosquera, subliñou que polo momento "todo está no aire, non hai nada concretado sobre a venda da planta".

A respecto da situación en Ferroatlántica en Arteixo, o delegado da CIG, Víctor Naya, sinalou que hoxe se está votando o plan industrial proposto pola empresa "que é moi semellante ao presentado en 2017" e que condiciona calquera investimento na fábrica de Sabón á escisión da fábrica do resto da unidade industrial e a desvincularse das centrais hidroeléctricas. "Non podemos asinar un preacordo baixo estas condicións, que nos deixan sen a cobertura e o garante das concesións hidroeléctricas que tutela a Xunta".

Comentarios