Uruguai admite un custo superior aos 100 millóns de dólares na construción das patrulleiras tras rescindir o contrato con Cardama

Uruguai terá que asumir un maior custo para renovar a súa frota tras romper o contrato co estaleiro vigués Cardama, elevando o investimento previsto para dúas patrulleiras oceánicas até perto de 120 millóns de dólares.

Estaleiro de Cardama en Vigo. (Foto: Cardama)
Estaleiro de Cardama en Vigo. (Foto: Cardama)

O plan de renovación da frota da Armada do Uruguai será máis custoso do previsto inicialmente. Tras a rescisión definitiva do contrato adxudicado en 2023 ao estaleiro vigués Cardama, o Goberno uruguaio volve ao mercado na procura dun novo construtor para dúas patrulleiras oceánicas tipo OPV.

O Executivo sitúa agora en 60 millóns de dólares o prezo de cada embarcación, segundo recoñeceu recentemente o presidente, Yamandú Orsi, quen asegurou que esa cifra é “o que sería viábel gastar”.

Este novo cálculo supón un incremento notábel respecto aos 82,5 millóns de euros polos que fora adxudicado o contrato en outubro de 2023 ao estaleiro galego. Aquel acordo contemplaba a construción de dúas patrulleiras oceánicas (OPV, polas súas siglas en inglés), pero en outubro do pasado ano a Presidencia anunciaba a súa intención de rescindir o contrato e, en febreiro, confirmaba non só esta decisión —“por incumprimentos contractuais graves”—, senón tamén que emprendería accións legais contra a empresa viguesa “polos danos” causados.

Malia esta situación, a Armada uruguaia mantén o seu interese en incorporar estas embarcacións de vixilancia costeira. O Goberno está disposto agora a investir perto de 120 millóns de dólares (uns 103 millóns de euros) no proxecto.

Cronoloxía do encargo 

A licitación das dúas patrullas oceánicas comezou en 2021, durante o Goberno de Luis Lacalle Pou. De saída presentáronse empresas da China, Países Baixos e Francia. A proposta técnica mellor cualificada foi, naquel momento, a chinesa. Porén, presións externas, segundo varios medios uruguaios, fixeron que en xaneiro de 2023 rematara por quedar deserta. Após varios intentos de reiniciar o proceso, o Goberno do Uruguai decidiu pórse en contacto con varios estaleiros que tivesen a capacidade para construír os buques. Ao final, en xullo de 2023, apróbase adxudicar a construción á empresa viguesa Cardama por un importe de 82 millóns de euros, a opción máis económica das que se consultaron. 

O contrato asinouse en decembro dese mesmo ano e sinalouse un prazo para a presentación de garantías de 45 días. Porén, Cardama tivo difícil contar con este tipo de cobertura que, ao final conseguiu dez meses despois, en outubro de 2024, aínda que só por un ano. Nese momento o país riopratense vivía inmerso nas eleccións para elixir un novo executivo, unha situación que finalizou en novembro dese ano coa vitoria, en segunda volta, de Yamandú Orsi representando ao Frente Amplo.

En febreiro de 2025, o estaleiro obtivo a certificación de calidade de Lloy'd mais o novo Goberno decidiu revisar o acordo e encargou unha auditoría técnica independente á empresa internacional Bureau Veritas para avaliar o estado do encargo e a viabilidade de cumprir cos prazos estabelecidos que indican que o primeiro buque debería entregarse en agosto de 2026, con 90 días adicionais por atrasos non autorizados. 

En setembro de 2025, con Orsi como presidente, caducou o prazo para a renovación do aval e o Executivo uruguaio decidiu executala. Comezan as denuncias por parte do Goberno do Uruguai que anunciou, pouco despois, unha demanda civil contra o estaleiro. Daquela, a empresa galega asegurou, a través dun comunicado, que non incumpriu co seu contrato e ofrecen a posibilidade de  substituír a garantía.

En outubro de 2025 o Goberno de Orsi anunciou unha demanda penal contra Cardama que se defendeu reiterando a súa confianza “na legalidade do proceso”. Esta mesma semana, varios medios de comunicación deron a coñecer o resultado do informe de Bureau Veritas. Na prensa do Uruguai, segundo El País UY, a auditoría non atopou problemas de calidade polo que considerou “satisfactorio” o estaleiro galego. Pola contra, o xornal La Diaria sinalaba que o estudo indicaba que o estaleiro Cardama “non ten capacidade para cumprir os prazos de entrega”. 

Comentarios