A Unión Europea avanza o trámite para estender a IXP da pataca galega a todo o país

O Diario Oficial da Unión Europea (DOUE) publicou a solicitude para modificar o selo de Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Pataca de Galiza e estendelo a todo o país.

 

Patatas galegas nun campo de cultivo (Imaxe: Xunta de Galiza)
photo_camera Patacas galegas nun campo de cultivo (Imaxe: Xunta de Galiza)

Segundo informa a Xunta, trátase dun cambio “moi demandado e esperado” polo sector, posto que agora a zona de produción deste alimento redúcese a catro zonas: Bergantiños, Terra Chá-A Mariña e Lemos, e A Limia.

Con este novo trámite, explica o Executivo galego, conclúe a fase de análise do expediente por parte da Comunidade Europea e iníciase os tres meses para que os outros estados membros da UE formulen as súas alegacións.

Outra das mudanzas solicitadas é a introdución das variedades agrea e fina de Carballo, que se sumarían á actualmente permitida, a “kennebec”. Deste modo, permitirase o cultivo e transformación dunha variedade -a agrea- “moi cultivada na zona da Limia e moi demandada pola industria da pataca frita”, subliña a Xunta.

Datos sobre a IXP Pataca de Galiza

Segundo os últimos datos oficiais, na Indicación Xeográfica Protexida Pataca de Galiza hai inscritos un total de 74 produtores e 10 grosistas, cunha superficie de produción de 282 hectáreas repartidas entre as catro zonas. En canto á comercialización, no ano 2018 foi de case 6000 toneladas, o que xerou un valor económico de case 6 millóns de euros.

Comentarios