O Tribunal de Comercio dos EUA declara "ilegais" os aranceis de Trump

A sentenza da xustiza estadounidense determina que os aranceis recíprocos anunciados polo presidente dos EUA son nulos. A Casa Branca recorrerá a decisión.
O presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, sostén unha táboa cos aranceis que vén de aprobar para produtos importados de todo o mundo. (Foto: Andrew Leyden / ZUMA Press Wire / dp / DPA)
O presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, sostén unha táboa cos aranceis recíprocos que fixo públicos en abril. (Foto: Andrew Leyden / ZUMA Press Wire / dp / DPA)

O Tribunal Internacional de Comercio dos Estados Unidos ordenou esta cuarta feira suspender a maior parte dos aranceis globais fixados polo presidente Donald Trump ao considerar que excedeu a súa autoridade legal cando adoptou esta medida a principios de abril. A sentenza declara "ilegais" as taxas recíprocas anunciadas, mais tamén paraliza os gravames contra China, México e Canadá para combater a entrada de fentanilo e a chegada de migrantes ao país.

O Tribunal de Comercio Internacional estadounidense ordenou así a suspensión dos aranceis de 30% sobre o xigante asiático, os gravames de 25% sobre algúns bens procedentes de México e Canadá, ademais dos aranceis globais de 10%.

Nulidade "permanente"

"Todo o sistema de aranceis do 'Día da Liberación' e outros aranceis da Lei de Poderes Económicos de Emerxencia Internacional de 1977 (IEEPA) é ilegal e está prohibido por unha orde xudicial permanente", recolle o escrito, que tamén o considera "inconstitucional".

A corte tomou esta decisión alegando que "non interpreta que a IEEPA –da que se valeu Trump para xustificar a súa política arancelaria– confira tal autoridade ilimitada e deixa sen efecto as tarifas impugnadas impostas en virtude dela". Isto explica que a paralización non afecte as taxas de 25% sobre automóbiles, aceiro e aluminio, ao estar suxeitos á Lei de Expansión Comercial.

O ditame responde así a unha demanda interposta polo centro independente Liberty Justice Center en representación de cinco empresas que alegaban ser gravemente prexudicadas polos aranceis.

Recurso

A Casa Branca asegurou que apelará o fallo defendendo a súa necesidade porque os déficits comerciais dos Estados Unidos con outros países crearon "unha emerxencia nacional que ha decimado as comunidades estadounidenses", segundo sinalou o portavoz Kush Desai.

"Non lles corresponde a xuíces non electos decidir como abordar adecuadamente unha emerxencia nacional. O presidente Trump comprometeuse a priorizar os Estados Unidos, e a Administración está comprometida a utilizar todos os recursos do poder executivo para abordar esta crise e restaurar a grandeza estadounidense", agregou nun comunicado recolleito pola cadea de televisión estadounidense CNN.

Comentarios