De la Torre e Rodríguez reciben o Premio Paz-Andrade de Economía da Galiza
O salón de graos do Colexio de Fonseca da Universidade de Santiago de Compostela (USC) acolleu na maña de onte a entrega da décimo primeira edición dos premios Premio Valentín Paz Andrade de Economía da Galiza outorgados polo o Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (Idega) da USC e o Consello Económico e Social da Galiza (CES). No acto interviñeron, o director do Idega, Rubén Lois, e o presidente do CES, Manuel Pérez.
O galardón na modalidade de mellor tese de doutoramento recaeu no investigador do Departamento de Fundamentos de Análise Económica da USC e colaborador de Nós Diario, Fernando de la Torre Cuevas, pola seu traballo Expanding hybrid approaches to construct (Inter)regional input-output models. O xurado destacou “a calidade metodolóxica da investigación, que combina dous modelos de análise clásicos en economía, pero ben diferenciados”, “cun manexo moi destacado dos conceptos e das últimas actualización rexistradas neles”.
De la Torre Cuevas amosou a Nós Diario “a súa satisfacción por recibir este premio, porque se premia unha investigación centrada en metodoloxía”. Neste punto, aseverou que “o máis importante é que se recoñece unha maneira de investigar que puiden aprender no Grupo de Economía Agraria de Edelmiro López e no Grupo de Análise e Modelización Económica cos profesores Melchor Fernández e Suso Pereira, por iso eu entendo que este é un premio colectivo a ese xeito de facer”
O premio ao mellor traballo de investigación publicado en revistas científicas recibiuno o artigo Estimating illegal catches in data-poor S-fisheries: Insights from multispecies shellfish poaching in Galician small scale fisheries elaborado polos membros do Grupo de investigación de Economía Pesqueira (EcoPesca) do departamento de Economía Aplicada da USC, Hugo M. Ballesteros, Gonzalo Rodríguez-Rodríguez e Eduardo Sánchez-Lamas.
Gonzalo Rodríguez
Un dos coautores do artigo, o profesor da área de Economía Aplicada da USC e colaborador de Nós Diario, Gonzalo Rodríguez, sinalou a este medio que “se trata do primeiro traballo que mide o impacto real do furtivismo, demostrando que as regulacións funcionan para combatelo e relativizando o peso que ten”. Nesta dirección, indicou, que “dentro dos furtivos hai moitos que pescan un volume pequeno, mais o problema está nun grupo pequeno que pesca moito e é reincidente”.
Rodríguez recoñeceu que “persoalmente é un premio que me xera satisfacción por levar o nome de Valentín Paz-Andrade, o primeiro economista pesqueiro da Galiza que empregou o seu coñecemento para pór en marcha unha gran industria pesqueira como foi Pescanova, o que demostra que os galegos somos, tamén, capaces de pór en marcha grandes empresas cando se dan as condicións”.
O galardón a Rodríguez coincide coa publicación dun libro da súa autoría por parte de Nós Diario. O volume, que fai parte da colección A riqueza da Galiza, dirixida por María do Carme García-Negro, titúlase Mar, industria e soberanía alimentaria e agasállase ás persoas subscritoras deste xornal que o solicitasen antes do 20 de xaneiro ou pódese mercar nas librarías por un prezo de 15,60 euros.
O xurado do Premio Valentín Paz-Andrade de Economía da Galiza outorgou, tamén, un accésit o artigo Because of its size, it’s not worth it!’: The viability of small-scale geographical indication schemes, de Rubén Boga e Valerià Paül.