LABORAL

Todo o sector relacionado co lixo da Coruña suma forzas a prol da folga de Albada

Cespa, Sogama e Areosa únense ao persoal de Nostián e anuncian unha mobilización común que non descarta a convocatoria dunha folga e que pode paralizar a recollida de residuos na cidade.

Os Comités de Albada, Cespa-A Coruña, Cespa-As Mariñas, Sogama e o vertedoiro da Areosa, xunto con representantes das centrais sindicais CIG, CCOO e UGT, compareceron en rolda de prensa para avaliar a situación actual no conflito da planta de Nostián e dar conta dos acordos adoptados para promover de xeito conxunto mobilizacións en defensa das condicións laborais e salariais do persoal do sector.

Neste contexto, non se descarta a posibilidade de convocar unha xornada de folga en todos estes centros de traballo. Albada suma xa case dúas semanas de greve contra os recortes en soldo e persoal, coa negociación rota de forma unilateral por parte da empresa.

O sector non descarta a posibilidade de convocar unha xornada de folga en todos os centros de traballo

As novas mobilizacións poderían devolver ás rúas da cidade a imaxe de lixo acumulado ao non realizarse a recollida, tal e como ocorreu durante a primeira semana do conflito. Segundo o Secretario Confederal da CIG, Paulo Carril, quen compareceu para explicar os acordos aos que chegaron a representación d@s traballadores e traballadoras “será unha mobilización común porque defender á exemplar loita de Albada é defender a tod@s e cada un dos traballadores e traballadoras do sector perante unhas agresivas posicións patronais que teñen o absoluto respaldo e conivencia do PP e coas que se pretende desmantelar convenios colectivos, reducir salarios, escravizar as condicións laborais nun sector xa de por si precario, despedir persoal e non garantir o emprego”, asegurou.

Durante a comparecencia, Carril fixo unha chamada á veciñanza da Coruña e As Mariñas para que se mobilice e proteste contra a “estafa social e a fraude” que están padecendo, “tendo en conta que se lles está a cobrar unha taxa por unha reciclaxe e un tratamento dos residuos que na realidade non existe”. Neste senso, solicitou á cidadanía que se dirixa aos seus respectivos concellos para reclamar que na taxa do lixo se desconte a parte da reciclaxe.

Pola súa parte, a empresa Albada intenta xustificar os despedimentos asegurando que sobra persoal porque “se recollen menos residuos”. Malia ser responsábel da concesión, o concello da Coruña que goberna o PP negouse a mediar nas negociacións.

Comentarios