Os sindicatos da Galiza opóñense á reforma da incapacidade temporal

O secretario de Estado da Seguridade Social e Pensións, Borja Suárez (segundo pola esquerda) onte na reunión. (Foto: Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións).
Esta segunda feira formalizouse en Madrid a mesa técnica para tratar a proposta de reforma da incapacidade temporal (IT). A xuntanza evidenciou as diferenzas entre a suxestión do Ministerio, que acepta a patronal, e a parte sindical, que, unha vez máis, só estivo representada por organizacións de ámbito estatal. 

O Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións reuniuse esta segunda feira cos axentes sociais para constituír a mesa técnica coa que comezarán os traballos para reformar a incapacidade temporal (IT) en virtude o acordo de pensións asinado con patronal e os sindicatos UXT e CCOO o pasado 18 de setembro. A xuntanza estivo presidida polo secretario de Estado da Seguridade Social e Pensións, Borja Suárez, e participaron, segundo  o Ministerio, "representantes das organizacións sindicais e empresariais máis representativas". Tras esta primeira reunión, Suárez indicou que se trataron temas como os convenios coas mutuas, o seguimento da IT e a análise da prestación por incapacidade. 

CIG: "Privatizan a saúde" 

Desde a CIG rexeitan esta reforma que propón o Ministerio e denuncian que é un "novo episodio de vulneración do carácter representativo de quen por lei temos o dereito a ser tidos en consideración" . En declaracións a Nós Diario, o secretario xeral da central sindical, Paulo Carril, ve nesta iniciativa “un intento de afondar na criminalización das persoas traballadoras que están en incapacidade temporal”. Considera que se está a crear “unha atmosfera que sitúa as persoas que están nesa situación como defraudadoras”, cando a acción protectora do sistema público “cada vez é máis precaria”. 

O responsábel sindical nacionalista entende que non se pode desligar este anuncio “do que foi o último acordo de pensións, onde se incide en transferir ás mutuas e, polo tanto, prexudicar o sistema público sanitario”. Carril cre que con estas medidas sae reforzada “a privatización da saúde”, cunhas mutuas que se teñen convertido “en entes de abuso fronte á saúde das persoas traballadoras”. Concretamente, pon o exemplo da IT "músculo-esquelética, que é moi transversal na medida en que afecta un gran número de persoas". Para Paulo Carril, o anuncio e a realización desta mesa ten a ver, en realidade, "cunha reforma das pensións que o que fai é prolongar máis a vida laboral e impedir o acceso digno á xubilación en actividades de moito desgaste físico ou perigosas".  

CCOO: "Debería tratarse nunha mesa de diálogo"

CCOO, pola súa parte, coida que este tema debería  tratarse nunha mesa de diálogo. Segundo explica a Nós Diario o seu responsábel de saúde laboral, Armando Iglesias, “é algo inaudito que unha cuestión tan importante se difunda ante a opinión pública sen debaterse antes”. Por este motivo este sindicato, coa información da que dispón, afirma estar "totalmente en contra de que se faga unha xestión dese tipo con respecto ás IT”. Iglesias cre que “iso da voluntariedade é bastante discutíbel cando falamos de empresas pequenas ou daquelas onde non hai sindicatos”. Ante isto, o sindicato propón que “ten que ser o diagnóstico do servizo médico o que ditame se esa persoa é apta para traballar ao cen por cen ou non”, polo que non lle vale “unha baixa flexíbel”.

Sobre o anuncio do Ministerio que relaciona a mesa de esta segunda feira co acordo de pensións asinado con patronal e sindicatos o pasado 18 de setembro, Iglesias rexeita esta conexión. “Non teñen nada a ver, o pacto polas pensión está relacionado coa saturación no servizo sanitario público", asegura, “e o acordo busca desafogar esa saturación co tratamento de determinadas doenzas a través de mutuas, sempre e cando o traballador dea o seu consentimento”, agrega.

Campaña de absentismo

"Hai unha axitación por parte da patronal para que despois o Goberno español dispare", pon como imaxe gráfica Paulo Carril para explicar a o contexto no que se artella a proposta de reforma da IT. "Difunden a idea de que hai absentismo e as persoas que están de baixa é por non querer traballar ou por querer defraudar", asegura este sindicalista, "xusto cando se dá nun contexto en que, desde hai un tempo, medrou na Galiza a sinistralidade laboral co resultado de mortes ou de accidentes graves", engade. Neste sentido, Carril considera que se está a contar "unha versión deturpada da situación, cando o que se debería facer é pensar en como diminuír a sinistralidade laboral".

Armando Iglesias coincide na idea de que “a simple vista vemos que hai unha campaña desde hai meses referente ao absentismo que non só afecta a Galiza”. Neste sentido, este sindicato sinala que mantivo unha reunión coa Consellaría de Sanidade “para mostrar a nosa queixa polo seguimento que facían ás IT” e como resposta a Administración galega argumentoulles “que só pretendían facer un seguimento sobre esas IT para evitar que se prolonguen máis alá do que fose necesario”. Desde CCOO cren que o fondo desa situación non está “en pór máis vixilancia, senón en pór máis medios para que esas IT non teñan que prolongarse”, polo que demandan unha atención especialista “máis eficaz".

A CEG ve a proposta de reforma da IT "positiva"

A opinión da patronal con respecto á proposta da ministra de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, Elma Saiz, é totalmente oposta á dos sindicatos. Esta segunda feira, en declaracións a Nós Diario, o presidente da Confederación de Empresarios da Galiza (CEG), Juan Manuel Vieites,  afirmaba que a suxestión de Saiz "permitiría aos traballadores continuar traballando parcialmente mentres están de baixa", unha cuestión que, entende, "busca adaptarse aos avances médicos e tecnolóxicos, promovendo unha maior flexibilidade na xestión da propia incapacidade temporal".

Vieites afonda na idea de que esta medida "podería ser vista positivamente, xa que permite que os traballadores continúen contribuíndo ás actividades laborais de forma parcial, evitando unha perda total de produtividade". 

Porén, sinala que as empresas queren saber "como afectará a xestión de recursos e os custos asociados á Administración destas baixas". Ademais, trata como "outro aspecto de interese" o "balance entre a flexibilidade para traballar e a protección adecuada dos dereitos e a saúde do traballador". Por último, o responsábel da CEG defende a "redución da burocracia" actual.