luns 29/11/21

O sector metalúrxico cualifica de pouco atractivas as axudas do Igape

As empresas asociadas a Asime preferiron as axudas do Ministerio de Economía ás da Xunta por ser "máis ventaxosas e claras".
Enrique Mallón, secretario xeral de Asime.
Enrique Mallón, secretario xeral de Asime.

A Asociación de Industriais Metalúrxicos da Galiza (Asime) reclamou onte melloras nas condicións das axudas para empresas habilitadas pola Xunta para facer fronte ao impacto económico do coronavirus. Fíxoo durante a presentación dun informe no que analiza a situación do sector, que xera 20% do Produto Interior Bruto e 38% do emprego industrial do país.

O secretario xeral de Asime, Enrique Mallón, desvelou que 46% das empresas do sector non solicitou ningunha medida paliativa, como as do Instituto de Crédito Oficial (ICO) e as do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), unha situación que achacou a que as súas condicións non resultan "interesantes", dada a complexidade da tramitación e as comisións das mesmas. Nesta liña, Mallón explicou que 46% das asociadas de Asime empregou as medidas do Ministerio de Economía, "máis vantaxosas e claras", mentres só 9,2% optaron polas liñas habilitadas pola Xunta.

Na actualidade, segundo o estudo da patronal do metal, 46,9% das empresas do sector operan con restricións e 36,9% están a desenvolver a súa actividade sen elas, mais 40% delas faino ao 50% ou menos. De aí que outra das peticións sexa ampliar a vixencia dos Expedientes de Regulación Temporal de Emprego tramitados por forza maior após o levantamento do estado de alarma.

Escaseza de material

No informe, no que participaron coas súas achegas 600 das súas asociadas, Asime destaca como unha das principais necesidades do sector que se garanta o abastecemento de Equipos de Protección Individual (EPI).

En concreto, o informe remarca que 63% das asociadas tiveron "dificultades" para acceder a este material ante a súa "escaseza" pese a que, como lembrou Mallón, Asime dotou o sector de máis de 45.000 máscaras. Neste senso, o secretario xeral da patronal do metal tamén instou a Xunta a "flexibilizar" as axudas do Igape para empresas que reorientan a produción á elaboración de material de protección.

O sector metalúrxico cualifica de pouco atractivas as axudas do Igape
comentarios