Sarria toma o relevo nas protestas do leite coa mobilización de 500 tractores
O comercio fechou en solidariedade cos manifestantes, que volveron denunciar o insostíbel da situación e o desleixo de Xunta e Estado.
O relevo das mobilizacións na defensa dun prezo xusto para o leite chegou a Sarria esta terza feira, onde centos de tractores -500 segundo a organización- ateigaron as rúas na demanda de solucións a unha crise que afoga milleiros de explotacións e granxas no país.
“Leite regalado, gandeiro arruinado” volveu ser unha das palabras de orde máis coreadas na manifestación que percorreu a vila até A Casa do Concello, para alén daquelas que exixían á Xunta que dese o paso de defender un sector fulcral para o rural galego e o país. Nesta liña, os sindicatos lembran que na Galiza están a se pagar os prezos máis baixos do Estado e onde o 30% das explotacións perceben moi por baixo do custo de produción. "Nin un paso atrás na defensa d@s gandeir@s galeg@s' volveu ser unha das faixas máis aplaudidas da marcha.
O coordenador de Sectores Gandeiros da Federación Rural Galega (Fruga), Elías Somoza, deixou claro que a tractorada de Sarria, das que destacou o apoio do comercio local cun peche solidario, “non vai ser a última baixo ningún concepto”.
As mobilizacións proseguen esta semana e tamén en setembro, onde para o día 5 decorrerá unha gran tractorada de 5.000 vehículos en Santiago de Compostela.
Fotos: @Photolopez e @revistaafriga