Sabes cales son os concellos galegos con maior renda per cápita?

70,6% dos municipios do país sitúase por baixo da media estatal en canto a renda per cápita.
Praia no concello de Oleiros (Concello de Oleiros).
photo_camera Concello de Oleiros. (Concello de Oleiros)

Os concellos de Oleiros, As Pontes de García Rodríguez e Santiago de Compostela foron os que contaban coas maiores rendas per cápita da Galiza no ano  2020.

Así o recolle o Atlas de Distribución de Renda dos Fogares que publicou esta sexta feira o Instituto Nacional de Estatística (INE), que recolle os niveis de renda per cápita e renda do fogar de todos os concellos do Estado español.

Un ano máis, Oleiros continúa a ser o concello galego que rexistra o maior nivel de riqueza por habitante, cunha media de 16.403,37 euros. Séguenlle As Pontes, con 15.482,06 euros per cápita; e Santiago, con 14.648,64 euros por persoa de media.

Do outro extremo da lista están os concellos de Avión (7.565,33 euros per cápita), Fisterra (9.224,49 euros) e Boborás (9.299,69 euros por persoa). Neste sentido, 70,6% dos municipios do país sitúase por baixo da media estatal en canto a renda per cápita.

Renta media por fogar

En canto aos niveis de renda media por fogar, Oleiros tamén foi o que rexistrou o maior nivel, con 43.578,19 euros por cada fogar. Porén, neste caso os concellos que lle seguen son Nigrán (37.408,65 euros) e As Pontes (37.043,38).

Avión (16.190,01 euros), Beariz (18.023,66 euros), e A Lama (19.107,41 euros)  foron os concellos con menor nivel de renda por fogar en 2020, segundo os datos publicados polo INE.

Comentarios