Bruxelas ordena investigar en Andalucía unha balsa mineira como a de Touro
A Comisión de Peticións do Parlamento Europeo (PETI) vén de solicitar á Comisión Europea que “leve a cabo unha investigación preliminar” á Xunta de Andalucía por ter autorizado unha balsa residuos tóxicos próxima ao municipio de Cortegana (Huelva), segundo publicou esta semana eldiario.es. Trátase dun depósito de refugallos mineiros da empresa Sandfire-Matsa, con capacidade para 15 millóns de metros cúbicos. No Goberno andaluz tamén o departamento de Industria deu o seu visto bo ao proxecto, situado a uns 500 metros das casas no lugar de Valdelamusa, unha pedanía de Cortegana. A alerta en Bruxelas sobre esta balsa mineira ten na Galiza un caso semellante, o da balsa prevista pola empresa Atalaya Mining na reapertura da Mina de Touro e O Pino, a 200 metros de Arinteiro, Touro (comarca de Arzúa) e que a Xunta da Galiza está a tramitar coma “proxecto industrial estratéxico”.
Esta semana rematou o prazo de alegacións aberto pola Xunta para a reapertura da mina de Touro e O Pino, e unha das denuncias e preocupacións de asociacións veciñais e ecoloxistas a respecto do proxecto é precisamente a situación do poboado de Arinteiro, que no novo proxecto presentado por Cobre San Rafael “queda encaixado entre dúas balsas de estériles de 80 metros de alto e 3 quilómetros de perímetro” cunha superficie de 125 hectáreas, segundo explican desde a Plataforma Veciñal Mina de Touro-O Pino Non. No caso de Touro son dous os depósitos de estériles os que está a tramitar a empresa diante da Xunta da Galiza, o segundo deles ten 95 hectáreas e está a 200 metros das casas, denuncian desde a plataforma.
O catedrático e doutor en Bioloxía Ramón Varela, pioneiro do ecoloxismo galego, ex presidente de Adega e cuxa tese doutoral tratou sobre a contaminación atmosférica na Galiza, explica a Nós Diario as “similitudes” das minas que explota a empresa Atalaya Mining en Huelva e Sevilla, o caso de Cortegana e o proxecto de reapertura da mina de Touro. Lembra que a empresa que quere explotar de novo a mina de Touro é a mesma que a da mina de Riotinto (Huelva), na que o seu propio rexistro de emisións recoñece máis de 17 contaminantes anuais emitidos nesta explotación.
Ramón Varela alerta dos problemas destas “escombreiras” asociadas ás explotacións mineiras. Explica que se trata de “balsas de estériles” que pasan por un sistema de lavado e que “acaban facendo unha montaña na que ao chover fíltranse metais pesados ao terreo”. Estas “escorrentías mineiras”, sinala o biólogo, están formadas por arsénico, cobalto, cobre ou zinc, entre outros compostos, “e moitos sulfuros que rematan por converterse en ácidos” xerando problemas de contaminación nos ríos e regatos da zona. A composición destes grandes depósitos non é o único problema, xa que existen antecedentes de derrubes e rotura deste tipo de balsas, como aconteceu en Aznalcóllar por unha vertedura de lodos tóxicos no parque nacional e Natural de Doñana en 1998. Agora, a documentación tramitada pola Comisión de Peticións susténtase en dúas directivas marco da Comisión Europea, unha sobre contaminación da auga e outra sobre xestión de residuos.
Estas directivas comunitarias lembran aos Estados membros da Unión Europea que teñen a obriga de “reducir progresivamente a contaminación” das súas augas naturais, e no caso das augas superficiais exixe “garantir” que “se acade o estado ecolóxico e químico máis elevado posíbel”.
A segunda destas directivas comunitarias obriga a “protexer a auga dos residuos tóxicos”, que cualifica coma ”perigosos”.

