Ryanair e Imserso poñen trabas á devolución do diñeiro

As axencias de viaxe recomendan modificar as datas dos billetes antes de solicitar a súa devolución para non causar máis danos ao sector turístico.
Unha pasaxeira agarda para facturar nun voo de Ryanair (Ricardo Rubio).
photo_camera Unha pasaxeira agarda para facturar nun voo de Ryanair (Ricardo Rubio).

Recuperar os cartos investidos na compra de billetes está a se converter nunha odisea para moitas persoas. Segundo fontes consultadas por Nós Diario, compañías como Ryanair están a poñer moitas trabas ás clientas que optan polo reembolso dos billetes e non por escoller outra data para realizaren a viaxe. 

Unha das prexudicadas explica que moitas das persoas que optan polo reembolso están a ser redirixidas á páxina principal da compañía aérea, onde só teñen a opción de mudar as datas dos voos, sen pagar taxas, pero si a diferenza do prezo do billete, se houbese.

Ante esta situación, son varias as persoas que acudiron a entidades de consumidores como Facua ou a OCU para tratar de recuperar ese diñeiro antes de que se chegue a data de efecto dos billetes, momento no cal xa non poderán reclamar. Como apuntan, as liñas telefónicas de atención ao cliente están saturadas e tampouco ofrecen alternativas que non sexa a de cambiar o billete. 

Tamén no Imserso

No caso das viaxes do Imserso, a reclamación dos cartos tamén está a dar problemas. Hai varias excursións que tiveron que regresar á Galiza antes de tempo, en autobuses, sen as suficientes medidas de seguridade, segundo denuncian as persoas usuarias, e agora tampouco poden recuperar parte dos seus cartos porque as concesionarias destes servizos exíxenlles presentar a documentación orixinal da viaxe, algo que en moitos casos non é sinxelo de obter, xa que moitas destas viaxes teñen lugar a través de códigos e localizadores, como explican desde as axencias de viaxe.

Precisamente, Cesar Gutiérrez, presidente da Federación Empresarial de Asociacións Territoriais de Axencias de Viaxes (Fetave), sinalou que para o sector é "fundamental" que se opte por adiar as viaxes para salvar o turismo, que ve practicamente parada a súa actividade polo coronavirus.

Comentarios