PON A PELOTA NO TELLADO DO SECTOR

Rosa Quintana renuncia a concretar medidas contra a crise do leite

A conselleira do Medio Rural, Rosa Quintana, non concreta medidas para atallar a crise do leite e simplemente asegura que tanto a Xunta como o Ministerio de Agricultura traballan para que a situación que sofre o sector dure “o menos posíbel” e que os gandeiros “poidan obter o maior rendemento”.

Cadea de envasado do leite
photo_camera Cadea de envasado do leite

Nunha entrevista concedida á Radio Galega, a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana sinalou que tanto a Xunta como o Ministerio “só teñen unha preocupación”, que é o sector leiteiro a nivel estatal e, especialmente o galego. Porén, non aludiu a ningunha medida concreta para favorecer que se incremente o prezo que reciben os produtores e produtoras polo leite.

Preguntada pola manifestación de onte en Santa Comba, na que gandeiros e gandeiras solicitaron que as Administracións implanten medidas como as tomadas en Francia, Rosa Quintana sinalou que non avoga por actuacións como a francesa, escudándose en posíbeis sancións. Fixo un paralelismo respecto do sector mexilloeiro “que aínda paga unha sanción de 3 millóns” por un pacto nos prezos.

A conselleira de Medio Rural aposta por “traballar en solucións a medio e longo prazo para darlle estabilidade a un sector que ano tras ano está sometido a estes vaivéns”. De aí que sinalara que non lle vale o aumento do prezo de intervención ou a retirada do leite do mercado, pois serían “solucións a curto prazo”.

Rosa Quintana di que as exportacións poderían ser unha “posibilidade”

De cara ao futuro, a responsábel do Goberno galego puxo de manifesto que as exportacións poderían ser “unha posibilidade”. “A semana pasada puxéronse en contacto comigo porque se precisaban 30.000 toneladas de leite en po para enviar ao Iraq”, apuntou. Tamén dixo que hai demanda de leite galego en CubaVenezuela, México ou no norte de América.

Neste sentido, Rosa Quintana puxo a pelota no tellado do sector leiteiro, ao que chamou a organizarse co reto de poder asumir esas demandas para exportar leite galego.

Comentarios