'A riqueza da Galiza' volve ás casas das lectoras de 'Nós Diario' co libro 'Mar, industria e soberanía alimentaria', de Gonzalo Rodríguez
Nós Diario celebra este 2025 o seu quinto aniversario co lanzamento dunha colección de 10 libros, A riqueza da Galiza, dirixida por María do Carme García-Negro e da autoría de recoñecidas especialistas en economía. Estes publicacións obsequiaranse ao longo do ano ás subscritoras e subscritores que o solicitasen. Distribuirase co xornal para as persoas cunha subscrición en papel a Nós Diario e por correo postal ás da edición dixital.
O segundo destes volumes xa está a chegar -de agasallo- ás persoas subscritoras de Nós Diario que o solicitasen antes do 20 de xaneiro. Trátase de Mar, industria e soberanía alimentaria, de Gonzalo Rodríguez, docente do departamento de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Ademais, estará dispoñíbel para o público en xeral nas librarías por un prezo de 15,60 euros.
"A pesca como sector de actividade económica que produce peixe foi e é o motor de crecemento económico galego", destaca o autor. Gonzalo Rodríguez achéganos, como experto coñecedor, aos escenarios en que se desenvolve esta actividade: a pesca extractiva, a piscicultura mariña, a produción mitícola, o subsector marisqueiro, os procesos de produción de conxelado, a industria transformadora de novas presentacións do produto pescado, a conserva clásica e, por suposto, a actividade comercializadora tanto na Unión Europea (UE) como no resto do mundo.
Soberanía alimentaria
"A pesca galega completa de inicio a fin o conxunto de procesos que van desde pescar até producir peixe como alimento distribuído e faino de forma sostíbel, innovadora e rendíbel", salienta o autor do libro. "Producir peixe é ser capaz de contribuír á soberanía alimentaria e a pesca galega realiza con éxito sostido esta actividade", engade Gonzalo Rodríguez.
"Renunciar á capacidade de producir alimentos de forma sostíbel é unha irresponsabilidade. Sobre todo, porque o coñecemento para pescar ou a capacidade de producir peixe non son como un libro que poidamos fechar ou arrombalo na biblioteca e recuperalo 30 anos despois, senón un sistema vivo: ou flúe, ou morre", afirma.
"Comer non é simplemente nutrirse, é unha relación social, un acto cultural significante, un encontro cos outros sobre cuxos termos non podemos ser pasivamente aceptantes", conclúe.