Repsol programa en 2020 unha nova parada na refinaría da Coruña

A petroleira investirá 64 millóns de euros nunha nova parada programada para o vindeiro mes de xaneiro na refinaría da Coruña.

Refinería da Coruña. (Imaxe: Repsol)
photo_camera Refinaría da Coruña. (Imaxe: Repsol)

Repsol ten previsto investir 64 millóns de euros na nova parada programada da refinaría da Coruña, que comezará en xaneiro e na que se levarán a cabo proxectos encamiñados a reducir as emisións da planta industrial. Esta cantidade súmase aos 69 millóns dedicados á anterior parada, levada a cabo no segundo trimestre deste ano.

Segundo informaron desde a compañía, serán seis as unidades da área de Conversión que deterán a súa actividade para acometer actuacións de inspección, mantemento e mellora, cun custo estimado de 17 millóns, aos que hai que engadir 4 millóns máis para mellorar a seguridade, fiabilidade, o medio ambente e a competitividade das instalacións. 

Os 43 millóns restantes servirán para completar os tres grandes proxectos de redución de emisións de C02 e mellora da eficiencia iniciados en 2017 e que, coa introdución de novos equipos e a modificación dos existentes, permitirá rebaixar as emisións 18.000 toneladas anuais. 

Unidade de propileno

Á parte destes investimentos, nos primeiros meses do ano Repsol ten previsto cesar a actividade na unidade de calcinación «por motivos de obsolescencia tecnolóxica» sen que esta medida supoña perda de emprego para as traballadoras da planta. 

Tamén en 2020 está contemplada a culminación dos traballos de construción da nova unidade de destilación de propileno grado polímero, que conta cun investimento de 29 millóns de euros e que permitirá elevar a 81.000 toneladas a produción deste material que serve como base para a fabricación de produtos como embalaxes, téxtiles, papelería ou envases, entre outros.  

Comentarios