A renda da poboación dos concellos con máis potencia hidráulica está á cola da Galiza

Encoro de Belesar, entre os concellos de Taboada, Chantada, O Saviñao, Paradela, O Páramo, Guntín e Portomarín (Foto: Nós Diario).
Galiza, primeira produtora hidráulica do Estado, cunha potencia instalada de 3.732 MW e cunha capacidade de xeración que supera 25% do total, enfronta unha nova vaga hidroeléctrica coa herdanza deixada polos desenvolvementos hidráulicos das últimas décadas. 

A renda bruta dispoñíbel por habitante situábase en Nogueira de Ramuín, na comarca de Ourense, en 2021, último exercicio con datos, en 13.254 euros ao ano. A mesma estaba 4.267 euros por baixo da media comarcal e era 2.975 euros inferior á media da Galiza, fixada para esa anualidade en 16.229 euros. Ao tempo, o municipio contaba en xaneiro de 2024 con 2.085 residentes, tras perder desde 1950, ano en que comezaron as obras do primeiro encoro no concello, 5.963 habitantes. 

Nogueira de Ramuín lidera a xeración de electricidade de orixe hidráulica da Galiza. O concello suma catro encoros cunha potencia total de 495 megawatts (MW). O máis antigo deles, Santo Estevo, situado no río Sil, entrou en funcionamento en 1957 e conta cunha capacidade de xeración de 25 MW. San Pedro, na mesma conca, rexistra 34 MW; Santo Estevo II, 185 MW, e o último deles, San Pedro II, 23 MW. Vilariño de Conso, na comarca de Viana, segue a Nogueira de Ramuín en xeración eléctrica de procedencia hidráulica. O municipio conta con dous encoros cunha potencia total instalada de 481 MW, sendo o primeiro deles Conso, construído en 1975, e o segundo Soutelo, en 1994. Asemade, Iberdrola está comezando os traballos para levantar neste municipio unha central hidráulica de bombeo cunha potencia instalada de 1.800 MW.

Os indicadores demográficos e de renda deste municipio son moi negativos. Así, o concello perdeu 1.136 habitantes desde a edificación da primeira central hidráulica, rexistrando 521 residentes en 2024. Ao tempo, a renda dispoñíbel bruta por habitante fechou 2021 en 9.114 euros ao ano, 1.526 euros inferior á media da súa comarca e 4.140 euros por baixo da media galega.

Belesar e o despoboamento

A situación non é mellor en Chantada, cunha potencia hidráulica total de 330 MW procedentes dos encoros de Belesar I e II, propiedade de Naturgy, titular dos dereitos da vella Fenosa, compañía que ergueu en 1963 a primeira das centrais, anegando as mellores terras dos municipios de Chantada, Guntín, Paradela, O Páramo, Portomarín, Taboada e O Saviñao.

A totalidade dos concellos afectados por este complexo hidráulico perderon unha parte moi importante da súa poboación desde aquela. Sen ir máis lonxe, os residentes de Chantada pasaron de 14.116 en 1960 a 8.006 en 2024, o que representou unha caída de 56,7%. Asemade, a renda bruta dispoñíbel dos seus habitantes sitúase en 14.207 euros ao ano, 2.022 euros por baixo da media galega.

O rio Bibei, principal afluente do Sil, destaca pola súa gran densidade de centrais hidráulicas. Unha delas atópase no concello de Maceda de Trives, onde en 1965 Iberdrola ergueu o encoro da Ponte de Bibei, cunha potencia instalada e 313 MW.

A poboación do municipio de Maceda de Trives non deixou de caer desde a entrada en funcionamento dese encoro, perdendo nos últimos 60 anos 2.285 residentes. Por outra parte, a renda bruta dispoñíbel por habitante era en 2021 de 11.581 euros ao ano, unha contía inferior en 1.189 euros á media comarcal e en 4.648 euros á media galega.

Os concellos de Carballedo e Pantón, situados nas comarcas de Chantada e Lemos, respectivamente, suman unha potencia hidráulica instalada de 199 MW, dos cales 181 se emprazan no encoro Peares I, construído en 1955, e 19 na central Peares II, erguida en 2013. A renda anual destes dous municipios está por baixo da media comarcal e da media galega, situándose para Carballedo en 12.910 euros e para Pantón en 12.271.

O devalo demográfico destes dous municipios é considerábel. Se Carballedo declaraba en 1950 unha poboación de 10.295 residentes, en xaneiro de 2024 rexistraba 2.080, o que representa unha caída de perto de 80%. Na mesma dirección, Pantón pasaba de 10.010 residentes en 1950 a 2.423 na actualidade, o que significa unha redución de ao redor de 75%.

O encoro de Frieira

As dúas fases do encoro de Frieira, situadas no concello de Padrenda (Terra de Celanova), suman 177 MW. A primeira delas, levantada en 1970, deulle unha volta total ao municipio, que perdeu desde entón as súas mellores terras e 2.906 habitantes, pasando de 4.520 en 1970 a 1.614 en 2004. Neste caso, a renda media anual da veciñanza está en 9.777 euros, 1.826 euros por baixo da media comarcal e 6.452 por baixo da media galega. 

A situación destes seis concellos repítese na práctica totalidade dos municipios con alta densidade de xeración hidráulica. Así, por exemplo a renda media anual dispoñíbel da veciñanza de Rubiá, na comarca de Valdeorras, é de 13.384 euros. Cunha potencia instalada de 176 MW, perdeu 2.706 residentes desde a instalación do primeiro encoro en 1963.

Xoán Carmona

O catedrático de historia económica da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Xoán Carmona, en relación co este tema, sinala que “a contribución da electricidade ao crecemento económico da Galiza foi moi limitada”. 

 Na mesma dirección, o enxeñeiro e proxectista de encoros de Fenosa, Luciano Yordi de Carricarte denunciou nos anos 50 que os encoros non achegan “nada que cree benestar xeral”, denunciando a existencia de “grandes aproveitamentos de enerxía que produzan para os demais”, sen xerar beneficio no país.