O agro galego celebra a xudicialización do acordo con Mercosur mais mantén a cautela
Esta cuarta feira o Parlamento Europeo votou a favor de remitir o acordo de libre comercio entre Unión Europea e os países de Mercosur–a Arxentina, o Brasil, Paraguai e o Uruguai– ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE), para que revise se é compatíbel cos tratados comunitarios, o que supón paralizar a súa efectividade definitiva até que a xudicatura se pronuncie, atrasándose así o acordo de ratificación dous anos. Unha decisión da Eurocámara que foi celebrada polo sector agrogandeiro galego, considerando que esta "era unha media necesario", como sinalou a Nós Diario Noelia Rodríguez, presidenta de Agromuralla, após a aprobación do tratado de libre comercio o pasado día 17. Desde Gandeiros Galegos da Suprema, o seu presidente, Santiago Rego, afirmou a este xornal "que agora se abre un novo escenario no que agardamos que impere o sentido común e non se materialice o tratado".
A pesar da valoración positiva da derivación á Xustiza do acordo que realizan en termos xerais moitos gandeiros e gandeiras, pois ven na votación de onte un paso fundamental e decisivo para frear un tratado comercial que consideran enormemente lesivo para a súa actividade, o sector móstrase preocupado, ao considerar que isto "non é unha vitoria", como subliñou Aarón Fernández, gandeiro en Montederramo, na Terra de Caldelas, e un dos impulsores das mobilizacións en Ourense. Mantense en alerta até coñecer a sentenza do TXUE. Fernández que o "tribunal demostre que este tratado, cos acordos que ten actualmente, sería unha competencia desleal que non nos podemos permitir para o sector agrogandeiro".
Diferentes fontes consultadas por este xornal do sector agrogandeiro galego consideran que a aprobación lles dá "a razón do que viñamos reivindicando, que non podemos estar expostos a unha competencia desleal de produtos que veñan de fóra", en palabras de Rego, quen lembra as medidas sanitarias, medioambientais e de benestar animal que teñen que cumprir os produtores agrarios e gandeiros na Galiza: "Ao final, a pregunta é moi sinxela, todas estas normas que nos ían impondo ano tras ano de que nos serviron se agora ía entrar isto?". O gandeiro entende que o tratado de Mercosur "dá carta branca e ancha aos produtos de fóra [da UE] sen ningún tipo de control".
As reaccións desde Galiza ao pleno de Estrasburgo
A proposta de remitir o acordo de Mercosur ao TXUE foi promovida por un nutrido grupo de eurodeputados e eurodeputadas do grupo da Esquerda e da Alianza Libre Europea-Os Verdes, entre elas a nacionalista Ana Miranda, sendo aprobado con 334 votos a favor, 324 en contra e 11 abstencións. A parlamentaria do BNG votou a favor da xudicialización do texto. Porén, Francisco Millán Mon e Adrián Vázquez, do PP, e Nicolás González Casares, do PSdeG, votaron en contra. Unha decisión que non colleu por sorpresa o sector agrogandeiro galego.
Aarón Fernández afirma que "o que votaron xa o agardabamos pola forma de actuar que tiñan". Pola súa parte, Santiago Rego entende que a votación amosou "que os eurodeputados do PP e o do PSOE non se puxeron do lado de toda a comunidade agrogandeira e que non puxeron veto á sinatura deste tratado". Unha postura dos populares e do socialista que Noelia Rodríguez considera que "non é normal", posto que "por un lado estannos dicindo unha cousa para contentarnos, e probabelmente para aplacar o malestar social, e despois, á hora de executar o seu traballo, collen e votan en contra". Fernández resume o acontecido cunha frase: "Desde o meu punto de vista, diría que cada voto galego é unha trincheira en Europa, e o que acaba de quedar demostrado é que partidos como PP e PSOE non benefician os galegos en nada, posto que só votan a favor das políticas de Madrid. A única eurodeputada que nos defendeu foi Ana Miranda".
Aarón Fernández considera que as protestas do sector na Galiza e o papel que xogou a Xunta na aprobación do tratada de Mercosur "demostraron que o Partido Popular o único que busca é favorecer a grandes empresas, demostrárono con Mercosur, Altri ou coas campañas de incendios".
Os gandeiros e agricultores que levaban días mobilizándose na contorna da Muralla de Lugo decidiron a última hora da noite desta cuarta feira desconvocar as mobilizacións, se ben, segundo puido saber Nós Diario, continuarán de forma indefinida en Ourense.
Os sindicatos ven "positiva" a decisión
Desde a Federación Rural Galega (Fruga) valoraron "positivamente" a decisión da Eurocámara de remitir o tratado ao Tribunal de Xustiza da UE, considerando que mostrou a "incongruencia" do PP e do PSOE, "que din estar a favor do sector e despois votan en contra". Unha posición compartida polo Sindicato Labrego Galego (SLG), que afirmou que a paralización de Mercosur "é un paso importante froito das mobilizacións de todos os días". " Nun acordo tan importante como o UE–Mercosur, pór o proceso baixo control xurídico non só é razoábel, é imprescindíbel", engadiron desde Unións Agrarias (UUAA).