"A reforma do IRPF promovida polo PP prexudica fortemente as rendas do traballo"

A CIG mobilizouse esta terza feira (7 de outubro) contra a mudanza lexislativa aprobada polo Partido Popular e que reduce os tramos de escala do IRPF e os tipos aplicados a cada tramo. 

LUGO
photo_camera Concentración ás portas de Facenda en Lugo [Imaxe CIG]

A central sindical nacionalista concentrouse en 9 vilas e cidades galegas para amosar o seu rexeitamento á recente reforma tributaria aprobada polo goberno español. A medida, que vén a se sumar á mudanza lexislativa aprobada o 1 de setembro de 2012, suporá --denuncian desde a CIG-- unha "caída nos ingresos do Estado" e "con total seguridade", afirman, "novos recortes no investimento público". 

O Ministerio de Facenda dirixido por Cristóbal Montoro aplicará no vindeiro exercicio fiscal unha nova reforma tributaria que atinxirá principalmente ao IRPF. Neste senso, o goberno español reducirá os tramos na escala e aplicará unha baixada dos tipos, un feito que xa marcou a anterior moficicación introducida por Montoro. 

As rendas altas tributarán 7 puntos menos a partir de 2015 mentres para as máis baixas se reducirá nun 5,75%

Neste senso, en 2015 os tramos de cotización pasarán de 7 a 5. Aliás, os tipos pasarán de estar do 24,75% ao 52%; ao 20%-47% no primeiro ano; 19%-45% a partir de 2016. Isto suporá, denuncian desde a central sindical nacionalista "7 puntos menos de media para as rendas máis elevadas e de 5,75 puntos para as máis baixas". 

Segundo o estudo elaborado pola equipa técnica da CIG e que se basea na análise realizada pola propia Facenda, "os contribuíntes con ingresos arredor dos 30 mil euros son os que menos van ver reducida a cota, mentres os máis beneficiados serán os de máis de 400 mil euros". Un feito que, denuncian, constitúe unha "discriminación". 

"Castígase máis as rendas procedentes do traballo", denuncian desde a CIG

O vindeiro ano deberán tributarse as indemnizacións por despedimento 

Así mesmo, a reforma aprobada polo goberno español obrigará @s traballador@s a pagar pola indemnización por despedimento, que até o de agora ficaba exenta de tributación --dentro dos límites legalmente estabelecidos. Pola contra, critican, "a reforma do imposto de sociedades" deseñada desde Madrid, "reduce o tipo de gravame xeral do 30% ao 25%" o que suporá menos ingresos nesta materia. 

Para a central sindical nacionalista con este conxunto de medidas fiscais --defendidas polo Partido Popular como un "impulso do crecemento económico"-- "castígase máis as rendas procedentes do traballo" que "as rendas altas" o que se traduce, advirten, nunha "perda de progresividade do sistema tributario" e na "caída dos ingresos do Estado". 

Desde a CIG advirten que a "contrarreforma" devirá "con toda seguridade" en "novos recortes de investimento público, tanto en servizos esenciais", sinalan, como "no sistema público de protección social". 

Comentarios