"Recomendo un arancel directo de 50% para a Unión Europea a partir do 1 de xuño": Trump volve á carga na guerra comercial contra a UE
O presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, considera que as negociacións comerciais coa Unión Europea (UE) "non están a dar froito", polo que recomendou impor un arancel de 50% sobre os seus produtos a partir do próximo 1 de xuño.
"As nosas conversacións con eles non están a dar froitos! Por tanto, recomendo un arancel directo de 50% para a Unión Europea a partir do 1 de xuño de 2025", anunciou Trump a través do seu perfil en Truth Social, engadindo que "non se aplicará ningún arancel se o produto se fabrica nos Estados Unidos".
O inquilino da Casa Branca insistiu en que a Unión Europea foi creada "co obxectivo principal de aproveitarse dos Estados Unidos no ámbito comercial". Neste sentido, acusou á UE de que as súas barreiras comerciais, citando o imposto sobre o valor engadido (IVE), as "ridículas" sancións corporativas, as barreiras comerciais non monetarias, as manipulacións monetarias, as demandas "inxustificadas" contra empresas estadounidenses, entre outras, xeraron un déficit comercial cos Estados Unidos que alcanza "unha cifra totalmente inaceptábel".
Reacción dos mercados
O Ibex 35 conseguiu moderar a caída que rexistrou desde as 13.40 horas, tras coñecerse a intención de Trump de impor aranceis de 50% á UE. Desta forma, a pesar de chegarse a caer case 3%, terminou a sesión desta sexta feira cun recorte de 1,18% e por encima dos 14.100 enteiros, o que implica unha alza de 0,2% con respecto ao fechamento da semana anterior.
O selectivo estatal estivo lastrado especialmente polo sector bancario: BBVA fechou cunhas perdas de 3,03%, seguido por CaixaBank (-2,61%), Puig (-2,46%), Inditex (-2,41%), Sabadell (-2,23%), Unicaja (-2,22%), IAG (-1,86%), Bankinter (-1,83%) e Santander (-1,47%). En 'verde' só terminaron nove valores: Indra (+3,40%), Enagás (+1,55%), Acciona Enerxía (+0,79%), Cellnex (+0,67%), Colonial (+0,43%), Endesa (+0,37%), Iberdrola (+0,28%), Redeia (+0,27%) e Ferrovial (+0,22%).
O resto de Europa tamén fechou a sexta feira con signo negativo: Milán deixouse 1,94% na sesión; París, 1,65%; Frankfurt, 1,54%; mentres que Londres, fóra do impacto do anuncio dos aranceis, só perdeu 0,24%. Nos Estados Unidos, Wall Street rexistraba números 'vermellos' ao fechamento da sesión en Europa: o índice Nasdaq caía máis de 1%, mentres que o Dow Jones cedía 0,72% e o S&P500, 0,64%.
Xusto antes dun contacto bilateral
A Comisión Europea mantén polo momento silencio sobre o último anuncio de Trump e remítese á chamada que nunhas horas terán o comisario de Comercio e Seguridade Económica, Maros Sefcovic, e o representante de Comercio dos Estados Unidos, Jamieson Greer. A chamada estaba prevista antes de que transcendese o anuncio dos novos aranceis, polo que Trump arremeteu coa súa mensaxe xusto antes dun contacto bilateral entre as partes.
Precisamente, o secretario do Tesouro estadounidense, Scott Bessent, sinalou que as propostas coas que a UE abordou as conversacións comerciais con Estados Unidos non foron do mesmo nivel que as expostas por outras economías e expresou a súa confianza en que a advertencia de Donald Trump de impor un arancel de 50% aos produtos importados desde o territorio comunitario "acenda unha chama" para acelerar as negociacións. Deste modo, Bessent recoñece, de forma máis ou menos clara, que o anuncio é unha forma de negociación, unha especie de ameaza para tratar de persuadir a outra parte.
"Espero que isto acenda unha chama baixo a UE", asegurou Bessent en declaracións á cadea Fox News, onde afirmou que a UE "ten un problema de acción colectiva" pois 27 estados están representados pola Comisión Europea, engadindo que algúns destes estados "nin sequera saben que está a negociar a UE no seu nome". Con respecto ás negociacións, o secretario do Tesouro estadounidense afirmou que as propostas da UE "non foron da mesma calidade" que as expostas por outros socios comerciais importantes, engadindo que a ameaza de Trump responde simplemente "o ritmo da UE".
En particular, Bessent destacou que hai "18 acordos comerciais importantes que debemos fechar", traballando principalmente en Asia, coa presentación dalgunhas propostas moi interesantes ou negociando de boa fe, despois de fechar o acordo co Reino Unido. "Creo que haberá un par máis proximamente", anticipou. "Moitos países asiáticos chegaron con moi bos acordos, así que hai 18 socios comerciais importantes, e diría que, coa excepción da UE, a maioría está a negociar de moi boa fe", resumiu.

