A CIG apresenta unha querela por prevaricación e malversación contra os cargos da Xunta que venderon Alfageme

A CIG apresentou no TSXG unha querela por prevaricación e malversación de fondos públicos contra os cargos da Xunta que participaron na venda da conserveira Alfageme, engtre eles os conselleiros de Industria, Francisco José Conde, e de Facenda, Elena Muñoz, así como o exconselleiro Javier Guerra.
Alfageme

Após anos de loitas e mobilizacións na defensa de Alfagme e os seus postos de traballo, a conserveira (que pasou por concurso de acreedores) foi liquidada e posteriormente vendida. Unha vía que matou as ofertas de garantía de compra da conserveira, como a presentada polo grupo cántabro El Consorcio, e que deixou na ría a 150 traballadoras da comarca do Salnés. 

Mais esa opción de liquidación e venda implicou, aliás, que se perderan os 33 millóns de euros que a Xunta pagou en concepto de avais da conserveira, ademais doutros 6 millóns correspondentes ás naves e ás distintas marcas da conserveira.

Rosa Abuín, da CIG: “O máis lamentábel é que polo camiño quedaron máis de 36 millóns de euros de cartos públicos e 160 postos de traballo”

Conselleiros

Por iso, a CIG decidiu presentar diante da Sala do Penal do TSXG unha querela por prevaricación e malversación de fondos públicos contra os cargos da Xunta que participaron na venda da conserveira Alfageme. Os denunciados son os conselleiros de Industria, Francisco José Conde, e de Facenda, Elena Muñoz, así como o exconselleiro Javier Guerra.

O sindicato nacionalista considera que a causa da actuación dos responsábeis políticos denunciados -entre os que inclúen tambén o director do Igape, Javier Aguilera, e a secretaria xeral do Patrimonio, Socorro Martín- durante a liquidación e posterior venda de Alfageme é responsábel desa perda de millóns de euros e perda de empregos.

"Non existía un compromiso político para salvar Alfageme"

A responsábel da CIG no Salnés, Rosa Abuín,lembra que “levamos tres anos denunciando que non existía un compromiso político para recuperar o proceso produtivo de Alfageme e o tempo deunos a razón”. Neste senso, sostén que “o máis lamentábel é que polo camiño quedaron máis de 36 millóns de euros de cartos públicos e 160 postos de traballo”.

No escrito remitido á sala do Penal do TSXG, a CIG argumenta que tanto o director del Igape como os conselleiros de Industria e a titular de Facenda tomaron decisións “sabendo que incumprían preceptos legais ou os trámites que establece a lei”. Ao mesmo tempo, considera que a adquisición por parte do Igape das naves de Vilaxoán e de Ribadumia, así como a marca Miau, realizouse “mediante o pago dun prezo, a título oneroso, sen o informe favorábel do centro directivo competente en materia de patrimonio”.

Comentarios