Que supón a entrada do sistema de prezos cada 15 minutos no mercado eléctrico? Como cambiará a poxa diaria da luz no ano 2025?

A partir do 18 de marzo de 2025 estaba chamado a cambiar o sistema de poxa da enerxía eléctrica, pasando a realizarse para cada cuarto de hora, o que suporía un cambio importante na planificación do consumo de luz dos fogares. Con todo, esta mudanza queda aprazada, e aínda que non hai unha data sinalada, espérase que se poida desenvolver ao longo do próximo ano.
Carmen Becerril, presidenta do Operador do Mercado Ibérico de Enerxía (OMIE), esta quinta feira. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
Carmen Becerril, presidenta do Operador do Mercado Ibérico de Enerxía, esta quinta feira. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

Cada día realízase unha poxa que marca os prezos que pagan cada hora as persoas usuarias vinculadas ao mercado almacenista da electricidade, o denominado 'pool' diario. Este sistema estaba chamado a cambiar o vindeiro 18 de marzo de 2025 coa introdución do cálculo das tarifas cada 15 minutos. Con todo, este novo método quedou aprazado, segundo anunciou esta quinta feira a presidenta do Operador do Mercado Ibérico de Enerxía (OMIE), Carmen Becerril, no coloquio da Asociación de Representantes do Mercado Ibérico de Electricidade (Armie) que decorreu en Madrid baixo o título Retos do Sistema Eléctrico nun futuro cara á descarbonización.

Desta maneira, o mercado diario da electricidade, encargado de levar a cabo as transaccións de enerxía eléctrica mediante a presentación de ofertas de venda (xeradoras) e compra de electricidade (comercializadoras e usuarias directas) dos axentes do mercado para cada unha das 24 horas do día seguinte, permanecerá sen mudanzas neste sentido por un tempo indefinido.

As poxas cada cuarto de hora si serán efectivas a partir do 18 de marzo de 2025 a nivel intradiario

Pola contra, o cambio si será introducido o próximo 18 de marzo de 2025 no mercado intradiario, destinado a realizar axustes con respecto ao mercado diario, xa que non é posíbel almacenar a enerxía nin coñecer a demanda exacta en cada hora. Por estes motivos, a compravenda entre os axentes do sector eléctrico prodúcese no mesmo instante no que se realiza o consumo, o que provoca a existencia desta figura de corrección, que si contará con poxas que marcarán os prezos para cada 15 minutos.

Porén, espérase que a asignación do custo da luz para cada cuarto de hora no mercado diario, ao que cada día atenden as persoas usuarias para coñecer as tarifas que terán que pagar, si cambie ao longo do ano 2025.Neste sentido, Becerril dixo que "seguirán traballando coa mesma vocación de colaboración" co resto de Estados da Unión Europea (UE) para implantalo.

"A verdade que o debate dos 15 minutos é complexo", recoñeceu a presidenta de OMIE, para despois engadir que, cando aínda se está "terminando a dixestión dos intradiarios europeos", tense que evolucionar cara aos 15 minutos. Nesta liña, argumentou que se trata dun problema a nivel comunitario, xa que "hai unhas importantes discusións internas dentro do grupo de operadores de mercado europeos de como se pode chegar á previsión que existía de que o 18 de marzo do ano 2025 se ía pór en marcha o mercado en 15 minutos para o mercado diario".

Deste modo, a presidenta de OMIE apuntou que na actualidade esta data quedou aprazada sen que neste momento exista "unha data específica para a súa implementación", aínda que confiou en que durante o ano 2025 "serán capaces de que o mercado diario entre en 15 minutos". "O feito de que sexamos un mercado europeo e haxa 27 operadores do mercado supón unha coordinación complexa", apuntou Becerril ao respecto.

Impacto sobre as usuarias

O cambio na poxa do mercado eléctrico que previsibelmente se adoptará en 2025, aparentemente só unha cuestión técnica, ten influencia directa nas persoas usuarias, que terán que atender a 96 faixas de prezo cada día para planificar os seus consumos, no canto dos 24 tempos de custo que existen agora.

As faixas de prezo da electricidade pasarán de ser 24 a 96 cada xornada

O obxectivo da UE co Regulamento de directrices de balance eléctrico –que impón esta mudanza– é que nun mercado de crecente produción de renovábeis se poida xestionar esta xeración case en tempo real, o que evitará, segundo Bruxelas, os chamados desvíos, que encarecen o prezo final da luz. Algo que se poderá conseguir, apunta a norma, axustando o prezo nun espazo menor de tempo (cada cuarto de hora) para que se poida xestionar mellor a seguridade do sistema, evitando a variación dentro dunha mesma hora.

Cando existe unha demanda real de electricidade nun período concreto maior que a programada o día anterior, esta ten que ser suplida por centrais segundo as instrucións de Rede Eléctrica Española (REE), para que o consumo e a produción coincidan.

Por este motivo, mentres exista a desconexión entre o mercado diario –con poxas para cada hora– e o intradiario –con corrección para cada 15 minutos– que se introducirá a partir do 18 de marzo de 2025, prevese que exista un maior risco de desaxustes e, polo tanto, maior posibilidade de entrada da xeración suplementaria das centrais.

Aínda que estas correccións adicionais teñen unha influencia directa sobre os axentes do mercado eléctrico derivada dos custos de realizar estes axustes –posta en marcha das centrais e desvíos de fluxos de enerxía na rede eléctrica–, existe unha clara posibilidade de que estas anomalías rematen por ser derivadas sobre a factura final que pagarán as persoas usuarias.

No coloquio sobre os retos do sistema eléctrico, a presidenta de OMIE tamén aproveitou para resaltar a importancia das interconexións comunitarias. "Para que o mercado interior da enerxía europeo sexa unha realidade, o primeiro que temos que ter son interconexións físicas, xa que a capacidade de interconexión é a maior barreira que neste momento temos para que efectivamente haxa unha integración de prezos, que é o paso seguinte", advertiu Becerril.

Combustíbeis fósiles

Pola súa parte, o director xeral de Planificación e Coordinación Enerxética do Ministerio español para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco), Víctor Marcos, avisou esta quinta feira de que a enerxía renovábel "non vai ser gratis". Neste sentido, lembrou que "hai que xestionala, hai que pagar as redes, hai que pagar os investimentos, necesitamos investimentos a longo prazo, co cal necesitamos certeza e iso é un custo financeiro que tamén hai que pagar".

En contrapartida, precisou que a enerxía renovábel supón unha oportunidade, xa que no Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima para 2030 (Pniec) estimouse un aforro de 90.000 millóns de euros en importacións –a nivel estatal– de combustíbeis fósiles. "En lugar de ir a terceiros Estados [os 90.000 millóns de euros], pois nolos podemos quedar aquí [no Estado español] e investir", concluíu.

As limitacións das enerxías renovábeis e a importancia do seu almacenamento

O subdirector xeral de Enerxética Eléctrica do Ministerio español para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco), Carlos Redondo López, indicou esta quinta feira que "a vía máis fácil e principal para acometer a descarbonización" que contempla o Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima para 2030 (Pniec), é a introdución das enerxías renovábeis.

Con todo, Redondo López recoñeceu a dificultade cada vez maior para integrar este tipo de enerxías dentro do sistema eléctrico. "As renovábeis teñen penetracións moi altas no mercado, mais é certo que nesa penetración estámonos achegando a eses límites nos que cada vez costa máis avanzar no mix eléctrico", explicou, para a continuación detallar a introdución do "almacenamento de enerxía como un elemento relevante".

Comentarios