Sen propostas concretas para Galiza na emenda á totalidade aos orzamentos de Unidos Podemos-En Marea

O texto da emenda á totalidade que a confluencia rexistou esta sexta feira e que defende no debate no Congreso que comeza esta cuarta non inclúe ningunha referencia específica aos problemas da Galiza.

Yolanda Díaz no Congreso
Yolanda Díaz, nunha comisión no Congresos, será quen tome a palabra esta cuarta feira no Pleno para defender a emenda á totalidade

Apenas hai referencias xenéricas a unha mellora do sistema de financiamento autonómico nas máis de 30 páxinas da emenda á totalidade do grupo parlamentar confederal Unidos Podemos, en que está inserida En Marea, aos orzamentos xerais do Estado.

A filosofía xeral da emenda é que o Estado debe incrementar a súa capacidade fiscal mediante unha reforma tributaria de carácter progresivo que permita reducir o que a confluencia cualifica como “déficit social”.

O grupo confederal aceita que o déficit público debe ser reducido para se ir axustando aos mandatos de Bruxelas, mais non na mesma medida en que plantexa o Partido Popular.

Destarte, na súa proposta alternativa, o grupo parlamentar liderado por Pablo Iglesias contempla un maior déficit público nas distintas administracións por considerar que a intervención pública na economía é chave para que o ritmo de crecimento do PIB non decaia.

Mais aí outorgaría unha maior marxe para o déficit da administración central do que para a administración autonómica, embora desta dependan os servizos públicos básicos (educación e sanidade).

En concreto, a confluencia propón que o déficit da administración central do Estado pase a ser 1,6 por cento (face 1,1 previsto polo goberno Rajoy). Isto significa incrementar a capacidade de gasto do Estado en 0,5 por cento. En troca, contempla que o déficit das comunidades autónomas se incremente apenas 0,15 por cento, pasando da proposta de 0,6 por cento formulada por Montoro a 0,75 por cento.

O programa está inspirado por unha filosofía claramente socialdemócrata e nas súas magnitudes maiores non se afasta grandemente das variábeis estabelecidas no proxecto de orzamentos de Montoro.

Vexamos: os ingresos públicos pasarían de 38,2 por cento do PIB (proxecto Montoro) a 38,8 por cento (proposta da confluencia), en tanto que o gasto público evoluiría de 41,3 por cento a 42,5. Canto ao déficit, onde Montoro quer 3,1 por cento, a formación liderada por Pablo Iglesias aposta en 3,7 por cento.

A confluencia propón incrementar os ingresos públicos en 7.525 millóns de euros e facelo de forma progresiva, reducindo a recadación vía impostos indirectos (en 1.075 millóns) e aumentando a dos impostos directos (en 3.670).

En todo caso, a emenda non ten precisamente carimbo plurinacional. Embora estar asinada quer por En Comú Podem quer por En Marea, non recolle ningunha referencia concreta nen a Catalunya nen a Galiza.

No caso galego, cumpre lembrar que o proxecto de orzamentos para a Galiza é o pior desde 2004 en termos absolutos e desde 1996 en euros constantes (descontada a inflación).

Comentarios