Que modelo enerxético precisamos?

O proceso de transición enerxética na Galiza

As decisións que se están a tomar en materia de transición enerxética condicionarán o futuro socioeconómico do territorio (Ilustración: Álex Rozados).
Fernando de Llano Paz, profesor da Facultade de Economía e Empresa da Universidade da Coruña (UDC), prosegue o foro de debates 'Que modelo enerxético precisamos?', organizado por 'Nós Diario' co gallo do décimo aniversario da súa empresa editora, Sermos Galiza.

Galiza ten potencial para converterse nun polo de referencia en enerxías renovables na Unión Europea, grazas á produción de hidróxeno como tecnoloxía de almacenamento e ao desenvolvemento e innovación técnica das plataformas de eólica mariña como elementos diferenciais. Súmase a isto o carácter estratéxico da súa localización para a conexión atlántica do gas natural licuado con América, chamada a ser prioritaria trala invasión da Ucraína.

Neste contexto, as decisións que se están a tomar en materia de transición enerxética condicionarán positiva (e negativamente) o futuro socioeconómico do territorio para as vindeiras décadas, ademais de afectar a recursos que serán de difícil recuperación como o patrimonio material e inmaterial de carácter cultural, paisaxístico ou ambiental.

En tempos de tribulación enerxética e cambios de paradigma, é preciso tomar certa perspectiva e mirar ao horizonte, e pensar onde e como queremos estar no 2050. Trátase, en definitiva, de activar a útil ferramenta da planificación enerxética, que achega serenidade, debulla posibles escenarios e permite incorporar á reflexión e ao deseño enerxético os distintos axentes público-privados implicados –administración, empresas e sociedade–, o que facilita o acerto na toma de decisións.

Fuga de rendas

Segundo datos do Instituto Galego de Enerxía (Inega), Galiza importa o 75% da enerxía primaria que emprega. Isto quere dicir que actualmente só somos capaces de autoabastecernos con recursos enerxéticos propios nunha cuarta parte da enerxía que empregamos. Esta dependencia enerxética conduce á fuga de rendas cara ao exterior, derivada principalmente da importación de combustibles fósiles. A nivel europeo, a factura enerxética pola actividade importadora supera os 1.000 millóns de euros diarios, que marchan fóra da Unión Europea. É por iso que apostar polas enerxías renovables permite aumentar o nivel de autonomía do territorio, minorar a fuga de rendas e favorecer o seu investimento interno, reducir a exposición ao risco provocado por cambios nos prezos dos combustibles fósiles e xerar riqueza no territorio onde se localizan as plantas de xeración.

O actual contexto bélico acaba de pór en evidencia os efectos da dependencia enerxética

O actual contexto bélico acaba de poñer en evidencia os efectos da dependencia enerxética, con subas dos prezos da electricidade e dos recursos enerxéticos necesarios para que as economías funcionen. Repensar, pois, o papel enerxético que quere xogar Galiza no futuro precisa de certa pausa, análise e reflexión. Semella que “os tempos son chegados” para as renovables: o obxectivo ambiental de redución de emisións está asumido, o que vai implicar, ademais, a electrificación do transporte e das economías.

Na actualidade constátase certa urxencia que aprema á toma de decisións en materia enerxética. Porén parece necesario atopar resposta a cuestións como as que seguen: Canta electricidade debe de ser producida en Galiza? Debemos axustar a xeración de electricidade ás nosas necesidades ou producir máis electricidade da que precisamos? Se a resposta é axustarnos ás nosas necesidades, posiblemente unha aposta por micro-instalacións para o autoconsumo en fogares e empresas xunto coa dinamización das comunidades enerxéticas reduciría a necesidade de acometer novas instalacións renovables de gran tamaño.

Porén, se optamos por converternos nunha rexión exportadora de electricidade e ser subministradores doutras rexións, habería que responder a outras cuestións: Que dimensión de provedor de electricidade quere ter Galiza? Que límite habería de potencia instalada no territorio? Que rendas ou participación directa nos beneficios derivados da xeración eléctrica tería o territorio e as persoas como resultado da explotación por esta actividade? Onde terá lugar a tributación fiscal das empresas vinculadas coa actividade? Que papel xoga a defensa do patrimonio cultural, ambiental, paisaxístico e social á hora de analizar os impactos derivados da utilización da terra para xerar electricidade e a súa compensación?

Compromisos

Na actualidade moitas destas preguntas non teñen resposta, e para outras, a resposta non é quizais a agardada. Galiza ten capacidade para ser rexión provedora de electricidade de fontes renovables e potencialidade para desenvolver proxectos de almacenamento a través do hidróxeno. De apostares por esta especialización, os distintos axentes público-privados están chamados a definir con honestidade a cadea de valor de provedor enerxético de Galiza, e establecer o retorno que percibirá cada elo da cadea. É preciso o establecemento de compromisos en termos de creación, mantemento e reconversión de empregos, así como a definición da contribución vía rendas aos territorios obxecto de explotación. Deste xeito permitiríase a fixación da poboación, a ordenación do territorio e a activación e a dinamización económica das localizacións afectadas.

Para que Galiza lidere a súa transición enerxética, e que esta sexa xusta, é preciso que se acerte no deseño enerxético e na valoración económica rigorosa das achegas dos axentes implicados.