venres 14/08/20

A alza dos prezos leva galegos e galegas a destinaren 29% do seu salario a pagar os alugueiros

A porcentaxe de renda para vivenda creceu catro puntos no último ano
Vivendas en alugueiro, [Imaxe: Laura R. Cuba]
Vivendas en alugueiro, [Imaxe: Laura R. Cuba]

Comprar casa é unha misión imposíbel para moitas galegas. As sucesivas crises e a cronificación da precariedade laboral leva boa parte da poboación a apostar no alugueiro. Mais a crecente demanda deste tipo de vivendas, sumada á redución da oferta polo auxe dos pisos turísticos, fixo que o prezo medio que pagan as galegas medrase 23% desde 2015, segundos os datos dun informe elaborado por Fotocasa e Infojobs

O prezo do metro cadrado pasou dos 5,47 euros de 2015 aos 6,75 de 2019, é dicir que se por un piso de 80 metros pagábanse hai un lustro 437 euros, o ano pasado pagábase de media por ese mesmo inmóbel 540 euros.

Mais nese período os salarios non aumentaron do mesmo xeito. Segundo recolle o informe, o incremento do salario medio  bruto anual foi de 7%, ao pasar dos 20.876 euros de 2015 aos 22.337 de 2019, un feito en parte motivado pola suba do salario mínimo interprofesional dos 735,9 euros aos 900 euros.

Seguindo o exemplo anterior, unha persoa que cobre o salario medio e que decida alugar a vivenda antes mencionada, de 80 metros cadrados, deberá destinar 29% da súa renda mensual (1.861 euros) ao pagamento do alugueiro, sen incluír nesa cantidade gastos de luz e auga.

O salto é especialmente significativo no último ano. Desde 2015, a porcentaxe de salario para cubrir o pago do alugueiro mantívose estábel arredor de 25%, un de cada catro euros, mais no último ano esta porcentaxe creceu catro puntos porcentuais, até situarse en 29% que sinala o estudo de Fotocasa e Infojobs.

Incremento xeneralizado

Segundo Anaïs López, directora de comunicación de Fotocasa, a suba do prezo medio da vivenda en alugueiro deuse practicamente en todos os territorios do Estado español, o que motivou que os cidadáns tivesen que dedicar unha porcentaxe máis elevada do seu salario ao pagamento mensual do alugueiro, xa que os salarios non subiron na mesma proporción.

Se se analizan los incrementos porcentuais acumulados nos últimos cinco anos, o prezo medio do metro cadrado da vivenda en alugueiro medrou 45% no conxunto de territorios, mentres que os salarios medios apenas se teñen incrementado 3,4% desde 2015. 

Con todo, Galiza está aínda lonxe das cifras de territorios como Catalunya (56,5%), Madrid (55,7%) ou Euskadi (51,3%), onde os alugueiros levan de media máis da metade dos ingresos das persoas que optan por este modelo.

comentarios