Pontón ve unha "trama política financeira" na caída do Popular-Pastor

  • A líder do BNG identifica o Banco de España e a Comisión Nacional de Valores como responsábeis do desaparecimento do Popular-Pastor.
  • O Bloque propón criar unha oficina para as persoas accionistas recuperaren os seus aforros.

 

Venda Panco Pastor, Ana Pontón e Noa Presas
photo_camera Noa Presas e Ana Pontón

Pontón tildou de "tomadura de pelo" as declaracións en que De Guindos afirmou esta cuarta feira que a venda do Popular-Pastor non tería nengún custo para as e os contribuíntes. Nese sentido, a dirixente do BNG puxo en primeiro plano as perdas para as persoas accionistas, por volta de 60.000 na Galiza, a maior parte delas pequenas e pequenos aforradores, "vítimas dunha nova estafa bancaria", ben como tamén unha significativa percentaxe das traballadoras e dos traballadores da entidade que foron "incitados a mercar accións para manter a súa actividade e que agora verán como esas accións teñen valor cero". 

"Dende Galiza non saudamos nen nos parece boa idea a venda do Popular", enfatizou Pontón.

A líder do Bloque -que compareceu en conferencia de imprensa na compaña da deputada Noa Presas- propuxo a abertura dunha investigación para esclarecer o proceso que levou a que o Banco Santander se puidese facer coa sexta entidade financeira do Estado -tenedora de 20 por cento dos depósitos de aforro galegos- polo prezo simbólico dun euro. 

Aliás, Pontón demanda que se críe unha oficina de atención ás pequenas e pequenos aforradores, minoristas, para que recuperen o seu aforro", ben como tamén reclamou garantías para o mantimento da actividade da Fundación Barrié de la Maza, depositaria de valiosísimos fundos patrimoniais da cultura e da historia da Galiza.

Neste último sentido, mostrou a súa especial preocupación polo que apartir de agora poda acontecer coas obras de restauración do Pórtico da Gloria, "unha das maiores xoias patrimoniais da Galiza", un proxecto que xa acumula anos de retraso e que estaba a ser desenvolvido pola Barrié.

A portavoz nacional da formación frentista cargou contra Feijóo e coa súa folla de servizos en materia financeira. O seu balanzo, dixo, é "desolador", primeiro coa privatización das caixas de aforro  -pactadas co PSOE, enfatizou-, a seguir coa venda a prezo de saldo de Novacaixagalicia a un banco venezuelano e agora coa desaparición do Popular-Pastor.

"Desaparece definitivamente o Banco Pastor ao se vender o Popular por un euro, e con esa operación dáselle a estocada de morte á banca privada galega", recapitulou Pontón.

Comentarios