Pontevedra eleva o orzamento municipal até os 125 millóns

O concelleiro de Facenda, Raimundo González, agradeceu ao PP e ao PSOE este "ánimo construtivo" que, segundo dixo o edil nacionalista, "demostra que hai moitas cousas que nos unen en favor da veciñanza de Pontevedra".
Vista aérea da cidade de Pontevedra. (Foto Concello de Pontevedra)
Vista aérea da cidade de Pontevedra. (Foto Concello de Pontevedra)

O Concello de Pontevedra aprobou estasegunda feira unha modificación de crédito que permite incorporar 10,3 millóns de euros ao orzamento municipal, elevándoo por encima dos 125 millóns de euros.

A modificación aprobouse no pleno cos votos a favor do BNG e do Partido Socialista e a abstención do Partido Popular.

O concelleiro de Facenda, Raimundo González, agradeceu ao PP e ao PSOE este "ánimo construtivo" que, segundo dixo o edil nacionalista, "demostra que hai moitas cousas que nos unen en favor da veciñanza de Pontevedra".

Segundo destacou o portavoz dos populares, Rafa Domínguez, "o PP é un partido con vocación de goberno". "Esta é a primeira vez que se nos convidou a negociar", deslizou, apuntando que foi "froito da debilidade do goberno municipal", aínda que agradeceu igualmente o xesto.

A modificación de crédito inclúe desde os convenios coa comunidade de montes ás subvencións aos clubs deportivos, pasando polos Premios Feroz, o Festival Río Verbena, a adquisición de vehículos para as brigadas municipais, obras de emerxencia, proxectos de zonas verdes, ciclos culturais ou grandes festas como Feira Franca ou a obra e reforma integral da rúa Rosalía de Castro, entre outras.

Raimundo González tamén sinalou que esta modificación recolle cuestións introducidas polo PP e o PSOE.

As tres formacións políticas esperan que isto marque un "punto de inflexión" e sexa o inicio dunha liña de colaboración futura "polo ben de Pontevedra".

Pleno de consensos

A corporación debateu varias mocións políticas aprobadas por unanimidade. Entre outras, a proposta do PP relativa á declaración de Área de Rehabilitación Integral do barrio da Moureira, así como a do PSOE para que o Concello constrúa un macro edificio que acolla os servizos de bombeiros, protección civil e policía.

Comentarios