O pleno do Congreso rexeita o real decreto anti apagamentos xerais

O BNG criticou que o texto proposto polo Goberno español "está ao servizo do oligopolio eléctrico".
Pleno do Congreso español, o pasado 22 de xullo. (Foto: Ananda Manjón / Europa Press)
Pleno do Congreso español, este 22 de xullo. (Foto: Ananda Manjón / Europa Press)

O pleno do Congreso rexeitou esta terza feira o decreto para "reforzar" os sistema eléctrico e evitar apagamentos como o decorrido o 28 de abril. A iniciativa foi desestimada cos votos en contra de PP, Vox, UPN, Podemos, BNG e Junts, xunto a un deputado de Chunta Aragonesista integrado en Sumar.

Votaron a favor ERC, PNV, EH Bildu, Coalición Canaria e José Luis Ábalos desde o grupo mixto, dando como resultado final un total de 183 votos en contra, 165 a favor e ningunha abstención.

O decreto do Goberno español buscaba reforzar a supervisión do sector eléctrico, rebaixar nun 80% as peaxes á industria electrointensiva ou facilitar a conexión de novas instalacións de xeración e de consumo.

"Ao servizo do oligopolio eléctrico"

Con todo, as medias non foron suficientes para convencer a maioría do hemiciclo. Por un lado, forzas como o BNG e Podemos criticaron que o texto está ao servizo do "oligopolio" eléctrico.

Desde a formación nacionalista, Néstor Rego considerou que o decreto permite ás empresas decidir libremente onde instalar parques eólicos, fotovoltaicos ou hidroeléctricas reversíbeis, "sen garantías ambientais nin participación social". "En concursos públicos, optan pola autorización directa e eliminan controis como as Declaracións de Impacto Ambiental", sinalou Rego.

"Estamos fartos de ser unha colonia. Este decreto conta co apoio das grandes empresas do sector eléctrico. Nós votaremos en contra, na defensa do noso pobo", sentenciou Rego.

Polo seu lado, PP e Vox, defenderon que o apagamento de abril foi culpa do Goberno e que antes de pór en marcha calquera medida tería que haber dimisións.

Comentarios