A peste porcina introduce máis incertezas nun momento de crise pola caída dos prezos: este é o panorama do sector ante un novo problema
As explotacións porcinas da Galiza padecen desde hai tres anos unha crise de prezos, cunha caída no valor da súa carne de 5,5% só no último ano. Os casos de peste porcina africana detectados en Catalunya, que están a frear as exportacións en todo o Estado español, engaden novos problemas ao sector.
O sector porcino é un dos mais internacionalizados do complexo agrario galego. A conta de resultados das máis de 2.500 graxas de porcos activas na Galiza, que suman ao redor 1,3 millóns de cabezas entre cochos de ceba e cochas reprodutoras, dependen de forma significativa das exportacións, que o ano pasado achegaron ás explotacións de porcino perto de 400 millóns de euros do total de 700 millóns que ingresaron. Actualmente lideran a produción a Baixa Limia e O Deza.
A aparición de casos de peste porcina africana (PPA) no parque natural de Collserola (Catalunya) está a impactar nas exportacións de porcos. Hai dous casos positivos e oito sospeitosos, e detectáronse 40 xabarís mortos que se están a analizar. A falta de coñecer datos por comunidades autónomas, o ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación do Goberno español, Luis Planas, asegurou que esta segunda feira permanecían paralizados no Estado un terzo dos 400 certificados de exportación para produtos de porco e derivados, que o ano pasado alcanzaron unha contía de 3.700 millóns de euros.
A peste porcina africana dábase por desaparecida na Galiza e no Estado desde 1994
A orixe do primeiro gromo desta doenza en tres décadas en Catalunya aínda se está a investigar e deu pé a diferentes hipóteses, se ben desde a Generalitat apuntaron esta segunda feira como a "máis probábel" a posibilidade de que procedese dun bocadillo de embutido en mal estado inxerido por un xabarín. O exército español despregou 117 efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME) e 25 vehículos en Catalunya para apoiar na contención do gromo.
As empresas cárnicas do Estado exportan produtos porcinos a 104 países, exixindo o certificado específico da peste porcina africana 44. Nesa dirección, 24 deles aceptan a denominada 'rexionalización' das exportacións, isto é, que só vetan a carne da provincia onde se rexistran casos da doenza, neste caso de Barcelona, mais admiten os produtos de porco procedentes doutros territorios do Estado. Entre estas nacións atópase China o principal importador de carne de porco procedente da Galiza e do conxunto estatal.
O número de cabezas de porco caeu nun ano en 300.000
As cifras ofrecidas pola empresa pública ICEX (España Exportación e Inversións) indican que 57,9% das exportacións dos produtos porcinos estatais dirixíronse en 2024 cara á China, que é tamén o principal destino dos porcos galegos. Porén, outros destacados importadores de carne e derivados do porco como Xapón, Malaisia, México, Taiwán ou Vietnam xa manifestaron o seu rexeitamento ás medidas de rexionalización do Executivo español e vetaron nos seus mercados internos os produtos porcinos procedentes de calquera dos territorios do Estado.
Alerta na Galiza
As organizacións agrarias alertan do risco económico que xera a negativa de 20 países a importar produtos porcinos do Estado español. O secretario xeral de Unións Agrarias (UUAA), Roberto García, sinala a Nós Diario que "é necesario falar cos países que bloquean as exportacións de porcino do Estado para que limiten ese veto á carne de porco dos territorios afectados pola peste porcina africana". Nesta liña, destaca que "estamos diante dun problema económico" e fai un chamado á "tranquilidade dos consumidores", pois a doenza "non representa ningún risco para as persoas".
Roberto García, secretario xeral de UUAA: "É necesario falar cos países que bloquean as exportacións de porcino do Estado"
García reclama que "se rexionalice a toma de medidas de control e se poña o foco na limitación de movementos en Catalunya" para que "non se vexan afectadas o total das granxas en produción de todo o Estado español". Nesta orientación, demanda un "plan de actuación para facer seguimento aos xabarís mortos ou cazados" e destaca que "non hai risco de desabastecemento dos mercados" de carne ou de produtos derivados do porcino.
A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG), María Ferreiro, salienta a Nós Diario que esta doenza chega "no peor momento". A este respecto, explica que "esta nova sobre a peste porcina africana salta cando xa afectan o sector outras patoloxías como a dermatose nodular contaxiosa (DNC), no caso do bovino, ou a gripe aviar, e isto é preocupante polo seu impacto nas granxas que poidan estar directamente afectadas pero tamén polo seu impacto no conxunto do sector".
María Ferreiro, secretaria xeral do SLG: "Moitas enfermidades que desapareceran volven aparecer neste sistema globalizado"
Ferreiro expresa a súa preocupación "porque moitas enfermidades que desapareceran volven aparecer neste sistema globalizado que temos". Ferreiro insta "a Administración que lle toque" a tomar "as medidas que haxa que tomar" tendo en conta que o sector porcino está "moi orientado á exportación", polo que "é necesario que se adopten as medidas oportunas a nivel de movementos de animais".
O dirixente da Federación Rural Galega (Fruga), Manuel da Cal, urxe a "reforzar as medidas de control para evitar que a peste porcina africana se expanda desde Catalunya ao resto do Estado" e a "adoptar medidas de carácter rexionalizado, diferenciando aqueles territorios do Estado con casos rexistrados desta doenza con outros que non declaran positivos".
Manuel da Cal, coordinador xeral da Fruga: "A peste chega cando as granxas de porcino estaban xa padecendo unha crise"
Da Cal denuncia que "chove sobre mollado", porque a peste chega "cando as granxas de porcino estaban xa padecendo unha crise pola baixada de prezos derivada da caída das exportacións". Neste punto, desvela que "as granxas integradas non a están notando tanto como as outras" e incide en que "nun ano perdéronse máis de 300.000 cabezas de porco".
O BNG avanzou esta segunda feira a presentación de iniciativas no Parlamento galego e no Congreso para defender a "territorialización" do gromo e a "adopción de medidas para evitar a súa expansión"
A doenza non presenta risco ningún para a saúde humana
O veterinario Xosé Luís Fernández Rivera sinala a Nós Diario que a peste porcina africana xa se daba por desaparecida na Galiza e no Estado desde 1994, mais aínda se mantiña "en moitos países do leste e do centro do continente europeo". Trátase, di, "dunha doenza moi prevalente, moi transmisíbel e dunha elevada mortalidade para os animais", destacando que "non hai vacina para os porcos fronte a esta enfermidade tan letal, polo que o único modo de erradicala é mediante a eliminación dos animais e das explotacións afectadas facendo un baleirado sanitario".
Xosé Luís Fernández, veterinario: "Non hai vacina para os porcos fronte a esta enfermidade tan letal"
Fernández Rivera destaca que "as persoas son portadoras da peste porcina africana, pero a doenza a nivel de patoloxía non afecta o xénero humano nin ten ningún impacto na súa saúde". Nesta liña, entende que "o traballo principal é evitar que pase aos animais domésticos, sendo o fundamental neste momento o illamento dos focos afectados pola peste e a perimetración das áreas onde se rexistren casos positivos".
Representantes da Consellaría do Medio Rural, nunha reunión mantida esta segunda feira con responsábeis da Federación Galega do Porcino, apostaron por "un reforzo das medidas de bioseguridade nas explotacións porcinas co fin de evitar posíbeis contaxios con fauna salvaxe".